― O foco foi localizado polos técnicos do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia nas inmediacións do paseo marítimo de Laxe, nunha revisión de seguimento da rede fluvial
― Augas de Galicia, xunto cos técnicos municipais, efectuaron distintas inspeccións ata identificar a orixe en varias vivendas das inmediacións da avenida Cesáreo Pondal, erroneamente conectadas coa rede municipal
― Recentemente os inspectores verificaron que as actuacións levadas a cabo, de renovación da rede de saneamento municipal afectada, permitiron a emenda do vertido
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais á ría de Corme e Laxe.
Este foco foi localizado nas inmediacións do paseo marítimo de Laxe, no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo na rede fluvial do municipio polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependentes de Augas de Galicia.
As mostraxes efectuadas nesa zona permitiron detectar a existencia de contaminación.
Os técnicos da Xunta iniciaron unha campaña de inspeccións na zona cos técnicos municipais, que incluíron numerosas mostraxes, co obxectivo de localizar a orixe da contaminación.
As inspeccións de seguimento permitiron identificar a orixe da contaminación en varias vivendas das inmediacións da avenida Cesáreo Pondal, erroneamente conectadas coa rede de augas pluviais, e nunha rotura no colector de augas residuais que provocaba as filtracións, orixinando a contaminación nas augas que finalmente acadan a ría.
Nunha nova inspección, os técnicos da Xunta verificaron que as actuacións levadas a cabo pola entidade local, de renovación da rede de saneamento municipal de Laxe afectada, permitiron o cese da achega contaminante e a emenda do vertido.