Saturday 16 de November de 2024

O Concello conmemorou hoxe en varios espazos municipais o Día dos Dereitos Humanos


O Pazo da Cultura acolleu esta mañá o primeiro dos actos conmemorativos do Día dos Dereitos Humanos. A proxección da película “Valentina” foi a proposta inicial desta xornada, na que escolares de primeiro e segundo curso de Primaria de centros de ensino de Narón puideron ver esta película, protagonizada por unha nena con Síndrome de Down que quere ser trapecista. A edil de Ensino, Mercedes Taibo, acudiu tamén a esta cita e posteriormente desprazouse ao Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros para ver as exposicións artísticas cedidas pola ASCM, Aspaneps, Teima Down Ferrol, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Cogami e Acadar, que se poderán ver ata o día 30 deste mes. Taibo destacou o traballo das entidades e agradeceu tamén o traballo de Jessica e Quique, usuarios da asociación Nuestra Señora de Chamorro que presentaron a actividade do Pazo.

A programación continuou pola tarde, dende as 17.30 horas, no Auditorio municipal. A alcaldesa, Marián Ferreiro, acudiu para presenciar a ponencia do escritor Ricardo Pérez Montero, alumno da Escola de Teatro de Narón que falou sobre a súa experiencia como escritor con diversidade funcional. A rexedora local subliñou o labor que desenvolven as entidades que colaboraron na organización deste evento, co lema “Iguais na nosa diversidade”. “Un lema no que queremos reivindicar un ano máis a importancia de continuar traballando pola tan necesaria inclusión plena na sociedade de todas as persoas” recalcou Ferreiro, que asegurou que “dende o Concello de Narón continuaremos avanzando conxuntamente coas entidades para acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

Ás 18.00 comezou o concerto do grupo de música pop-rock ChungoPastel, da Fundación Igual Arte, integrada por cinco artistas con diversidade funcional e trala súa actuación proxectouse o videoclip do making off de Eu Sumo, no que se recompila todo o labor realizado na campaña de sensibilización Eu Sumo por un mundo cheo de diversidade o pasado ano dende o Concello e diversas entidades. O concerto inclusivo de Marcos Mella pechou a programación conmemorativa do Día dos Dereitos Humanos.

O Concello organizou os actos xunto coas entidades Áurega, Cogami, Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Aspanaes, Alcer, ASCM, Aspaneps, Teima Down Ferrol e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.