O Concello da Pobra do Caramiñal celebra neste mediodía o Xantar de Confraternidade coa participación de máis de 700 comensais procedentes de distintos municipios. Un evento festivo dirixido ás persoas maiores de 60 anos que regresa á localidade trala paréntese ocasionada pola pandemia e que ten como punto de encontro o polideportivo municipal de Venecia.
Trécola foi caldeando o ambiente con música tradicional durante a recepción das persoas asistentes, a quen lles deu a benvida a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), que se referiu ao público congregado como un exemplo a seguir que fixo posible o benestar social e que, en moitos casos, constitúe o sostén das súas respectivas familias.
No nome da Consellería de Política Social, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, ratificou o compromiso da Xunta de Galicia coas persoas maiores e en seguir achegándolles servizos de calidade.
Tamén se pronunciou o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), quen lles trasladou o desexo de que desfruten dunha xornada exclusiva para eles/as e con especial significado despois de tanto tempo.
Unha vez concluídas as intervencións, soou o himno galego para dar paso ao xantar cun menú composto por dous mariscos, peixe, carne, sobremesa, café e bebidas variadas.
Posteriormente, realizarase un sorteo de agasallos cortesía de Gadis e o baile da tarde virá marcado por Puzzle, poñendo así o broche de ouro a un xantar de distensión e para estreitar lazos.
Nesta cita tamén participan membros da corporación municipal, a concelleira dos Servizos Sociais de Ribeira, o xefe da Policía local, representantes de empresas, entidades e do tecido asociativo.