Friday 22 de November de 2024

O presidente da Xunta ofrece Galicia como escenario para proxectos empresariais porque “alberga un gran talento que pon ao servizo de España e do crecemento sustentable e solidario”


Chama á porta dos inversores recoñecendo que “Galicia é un lugar axeitado para investir, para vivir e para velas cousas desde este barco que é Coruña, que é un gran transatlántico no mar”

O presidente da Xunta ofreceu aos directivos presentes no Congreso de Directivos CEDE 2015 a nosa Comunidade como un escenario idóneo para futuros proxectos empresariais porque “Galicia alberga un gran talento que pon ao servizo de España e do crecemento sustentable e solidario”. Para atraer ás opcións de negocio á Galicia, o titular do Goberno galego recoñeceu que “Galicia é un lugar axeitado para investir, para vivir e para velas cousas desde este barco que é Coruña, que é un gran transatlántico no mar”.

Ao longo da súa intervención o presidente aludiu ao percorrido que desenvolveu Galicia, “un país capaz de superar obstáculos, de modernizarse, de presentar infraestruturas co esforzo de todos os españois, de salvar a xigantesca distancia que nos separaba do resto da meseta, e de pasar dos minifundios ás grandes multinacionais”. Como exemplo de multinacional Feijóo puxo a Inditex “que está en todas as rúas nas principais avenidas do mundo”.

Nesta traxectoria da Comunidade o mandatario galego resaltou a transformación “sen querer facer ruído, con moita delicadeza e sempre a disposición de aprender dos mellores” desde a Galicia de hai unhas décadas á “Galicia dos profesionais que traballan con determinación e con gran unidade nos nosos sectores produtivos”. Unha Galicia con importantes universidades baseada no coñecemento, que aposta por abrirse á internacionalización con máis exportacións que nunca “porque sabe que a innovación é o futuro, e o futuro non é outra cousa que ofrecer produtos para a inmensa maioría dos cidadáns coa maior calidade e a un prezo competitivo”.

O presidente achacou gran parte deste rumbo ascendente que tomou ao comportamento do pobo galego, que soubo afrontar as dificultades e “incluso cando diferentes problemas xeraron conflitos e protestas, foi capaz de trazar unha ruta que nos permite ir polo bo camiño cara a recuperación”, afirmou.

Ante esta realidade, o mandatario galego mostrou o seu orgullo da actitude dos galegos e dunha Galicia que enfrontou o seu destino para loitar contra “un destino que parecía condenarnos a ser vítimas da crise sen maior remedio e que afrontamos con valentía e estabilidade”.

Para rematar, Feijóo, dirixiuse á S.M. El-Rei Felipe VI para agradecerlle a responsabilidade de ser o “embaixador vitalicio de Galicia alí en todos os lugares onde vostede chegue” e para comprometer a intención da Comunidade Autónoma de “poñer todo o seu talento, todo o seu esforzo, e toda a súa vocación de unidade ao servizo dos intereses xerais”.