Saturday 16 de November de 2024

O Concello recibe dúas distincións na súa primeira participación no programa ‘Vilas en Flor’


• Trátase dunha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes.

O Concello das Somozas conseguiu dúas ‘Flores de Honra’ na súa primeira participación no programa ‘Vilas en Flor’, impulsado pola Fundación Juana de Vega, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes.

É un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestructura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos.
As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo.
O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, recolleu o premio “orgulloso polo que supón este recoñecemento” e sinalou a a “importancia” de que un municipio como As Somozas “non só fose escollido, senón tamén premiado nunha iniciativa de tanto calado a nivel social en toda a comunidade galega”.