O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá xunto co vicepresidente da Federación Galega de Fútbol Sala, Pablo Prieto, o delegado en Ferrolterra da FGF, Abraham Yáñez, e o presidente da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón-O Freixo, Rafael Pazos, “Xogando con Futgal”. O Concello e a RFGF organizan en colaboración co Narón-O Freixo unha proposta de fútbol sala dirixida a
menores de 6 a 11 anos nas categorías pre-benxamín, benxamín e alevín que terá lugar o vindeiro 23 de decembro de 9.30 a 20.30 horas no complexo polideportivo da Gándara, tal e como indicou o edil naronés.
Habilitaranse catro pistas inchables nas que xogarán simultaneamente equipos con cinco xogadores, un porteiro, tres xogadores e outro para o cambio. Así mesmo, será preciso que cada equipo teña unha persoa adulta como responsable do mesmo. Dende a organización indicaron que se apostou por facer por primeiro ano esta actividade recreativa e formativa de promoción do fútbol sala creada pola RFGF. Convócase coincidindo coas vacacións de Nadal e co obxectivo de que as persoas participantes e o público desfruten do fútbol sala. Todos os participantes recibirán medallas e diplomas e haberá tamén sorteos e outros agasallos, tal e como indicaron dende a organización.
As persoas interesadas en inscribirse –de balde- deben facelo a través das oficinas do Padroado de Deportes do Concello de Narón e para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono da delegación da RFGF en Ferrol, o 981 900 600.
A cita ten tamén un marcado carácter solidario, polo que as persoas que o desexen poderán doar –nun espazo habilitado para este fin- produtos non perecedoiros que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.