Saturday 16 de November de 2024

A alcaldesa e o equipo de Educación Viaria do Concello recolleron hoxe a Medalla ao Mérito da Seguridade Viaria concedida pola DXT


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, desprazouse esta mañá á Coruña xunto co edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, o xefe da Policía Local, Eduardo Pita, e os responsables do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, Pedro Caneiro e Sonia López. O motivo da viaxe foi a súa asistencia ao acto de entrega da Medalla ao Mérito da Seguridade Viaria, na categoría de bronce con distintivo azul, ao equipo de Educación Viaria de Narón. O delegado do Goberno na Coruña, José Miñones, e a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, entregaron a distinción a Pedro Caneiro e Sonia López no acto desenvolvido na Praza de María Pita.

Ferreiro destacou o traballo do equipo de Educación Viaria e agradeceu á Dirección Xeral de Tráfico este recoñecemento “a moitos anos de traballo en materia de educación viaria, unha das máis firmes apostas do Consistorio naronés dentro da Concellería de Seguridade Cidadá”. A alcaldesa tivo tamén un agradecemento especial, ademais de para Pedro Caneiro e Sonia López, para a comunidade educativa en xeral e todas as familias que se implican en cada proposta que se impulsa dende o goberno local. “Este premio é tamén un recoñecemento a todas e todos eles porque a súa implicación resulta fundamental para que as propostas que impulsamos dende o Concello produzan os resultados esperados”, subliñou a alcaldesa.