— Esta nova acción de voluntariado enmárcase no proxecto Libera, impulsado a nivel nacional para concienciar sobre a basuraleza e reducir o lixo en espazos naturais
— A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colabora desde o ano 2017 nesta iniciativa, que cada ano goza dun maior nivel de participación na Comunidade
Preto de 190 persoas participarán ao longo dos próximos días nas 12 batidas de limpeza programadas por toda a Comunidade dentro da campaña 1m2 polo campo, os bosques e o monte, unha iniciativa impulsada a nivel nacional por SEO/BirdLife e Ecoembes no marco do proxecto Libera e que en Galicia conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Concretamente, as 12 batidas de limpeza previstas en Galicia levaranse a cabo en montes e sendas localizados nos municipios de Culleredo, Vilasantar, Ferrol, Padrón, Lugo, A Pontenova, Ourense, Poio, Tui, Mos e Vigo. A maioría delas están organizadas por asociacións e entidades privadas aínda que tamén as hai a iniciativa de particulares e centros educativos.
No marco desta sexta edición da campaña, que comeza mañá e rematará o vindeiro venres 11 de decembro, haberá un total de 398 puntos de recollida repartidos por campos, bosques e montes de todo o país e os organizadores contan con máis de 6.800 voluntarios. Galicia é unha das comunidades máis implicadas na tarefa de conservación dos espazos naturais e, de feito, o nivel de participación dos galegos nas actividades colaborativas que se organizan ao longo do ano para loitar contra a chamada basuraleza é cada vez maior.
Cómpre lembrar que a Xunta se sumou en 2017 por primeira vez ao proxecto Libera e desde entón vén apoiando as sucesivas campañas de limpeza que ao longo do ano se organizan en Galicia, como a que vai poñer o foco de atención sobre o coidado das contornas dos nosos montes e campos.
Estas accións de voluntariado enmárcanse no proxecto Libera, que naceu hai uns anos co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a presenza de lixo na natureza e chamala a mobilizarse fronte a este problema medioambiental.