O Goberno galego apoia o funcionamento do centro de acollida e de atención social deste comité, así como as súas actividades de formación
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou esta tarde o traballo que realiza o Comité Antisida da Coruña (Casco) para favorecer a plena integración dos seus usuarios e seguir avanzando na eliminación dos prexuízos sobre esta doenza que aínda persisten na sociedade. Díxoo no acto organizado pola entidade con motivo do Día Mundial da Loita contra a Sida nas instalacións do Instituto Nacional de Educación Física (INEF) e que se desenvolveu baixo a lenda ‘Da supervivencia á calidade de vida’.
Arturo Parrado referiuse ao apoio económico que a Xunta de Galicia presta a este comité por medio da orde de subvencións a entidades e do programa de axudas con cargo ao IRPF, o cal supera nas últimas convocatorias o millón de euros. Estas achegas permiten, entre outras iniciativas, financiar o funcionamento do seu centro de acollida e de atención social continuada, así como levar a cabo accións de formación adaptada.
Algúns dos temas abordados no encontro foron a ‘A estratificación e fraxilidade: Proxecto de calidade de vida PVIH’, que correu a cargo de Álvaro Mena, doutor no Hospital Universitario da Coruña ou ‘O deporte como ferramenta de inclusión: Carreira Ártabra’, que expuxo Carlos Atanes, presidente de Boxfit. Tamén participaron o presidente da Sociedade Galega Interdisciplinaria da SIDA (Sogaisida), Antonio Ocampo; Sonia Valbuena, de Casco Coruña; o responsable da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o decano de INEF Coruña, Rafael Martín.