Friday 22 de November de 2024

O Péndulo, teatro-documental este sábado no Gabriel García Márquez de Mera


O sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, Inversa Teatro presenta a obra de teatro O Péndulo, de Marta Pérez e Ernesto Is, dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio, coa interpretación de Marta Pérez, Nerea Brey e Rosa Puga Davila. As entradas teñen un prezo de 4 euros e pódense adquirir a través de Ataquilla.com ou desde unha hora antes na billeteira do auditorio.

O Péndulo é unha obra de teatro-documento que nos amosa como se desenvolveu a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia. Este achegamento á nosa historia colectiva faise desde o persoal. Marta Pérez, co-dramaturga e actriz, trasládanos a experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, natural de Ribadavia e residente na Cañiza. Membro do Partido Socialista, republicano e presidente da casa do pobo da vila. Tirso foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón. Outro veciño da localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia. Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza, pertencente a Esquerda Republicana, a única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. Esta última conseguiu salvarse do fusilamento no último momento, alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e rematou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.

VENDA DE ENTRADAS: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/auditorio-gabriel-garcia-marquez/14761–o-pendulo-de-inversa-teatro.html