O Concello da Pobra do Caramiñal continúa avanzando algunhas das iniciativas programadas para a celebración do Nadal, ao cal se lle dará oficialmente a benvida no 6 de decembro co acendemento do alumeamento por parte do alcalde, ás 18.30 horas, na praza Alcalde Segundo Durán para, deseguido, asistir aos Xardíns de Valle-Inclán, que neste ano se converterán nun dos puntos máis atractivos do municipio, como poderá comproba-lo público congregado, segundo anuncian as concelleiras da Promoción Económica e dos Servizos Municipais, Charo Varela (Nós Pobra) e Estefanía Ramos (Nós Pobra), respectivamente. A decoración lumínica compleméntase coa ornamentación de edificios municipais e ambientación dos espazos públicos.
Posteriormente, efectuarase a inauguración do belén municipal e a tradicional chocolatada amenizada por un coro de panxoliñas, na praza do Emigrante.
A maiores, nove postos do comercio de proximidade integrarán o mercado do Nadal, situado no Cantón da Leña, do día 3 de decembro ao 5 de xaneiro. Ofertarán artesanía, gastronomía, moda, bixutería e accesorios. O horario de apertura será de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, principalmente, durante as fins de semana.
E outro proxecto para a dinamización económica do concello nestas datas festivas é a terceira edición da campaña Raña e gaña, que suporá o repartimento de máis de 600 agasallos directos por un importe aproximado de 15 000 euros.