Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene e Indican promoven unha campaña sobre a responsabilidade que implica sumar un animal á familia


#NonSonXoguetes e #NonSonCousas fai unha chamada á concienciación durante as datas do Nadal

Nestes días estase distribuíndo material informativo polos principais centros de reunión do territorio, que se complementará con charlas nos centros de ensino e cun programa semanal en Radio Fene

A asociación e o Concello recomendan adoptar en vez de mercar animais e apelan á colaboración veciñal para denunciar os casos de maltrato

“Milleiros de cans que foron agasallos polo Nadal ou Reis acaban meses despois encadeados, invisibles, engaiolados ou abandonados”. Con esa frase tan dura como real encabézanse os carteis de grande formato que desde esta semana se están repartindo polas instalacións municipais, en locais de entidades, polos colexios e en establecementos comerciais de Fene, dentro dunha nova campaña de concienciación promovida pola asociación Indican en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Fene. A iniciativa fai unha chamada de atención sobre a responsabilidade e compromiso que implica a chegada dun animal á familia, algo que en moitos casos non se medita suficientemente e que despois ten consecuencias dramáticas para o novo membro. Nas próximas semanas o colectivo, que insiste unha vez máis en que cans, gatos e outros animais non son xoguetes nin obxectos, desenvolverá charlas nos centros de ensino e, ademais, todos os mércores ás 11:00h emitirá en Radio Fene o espazo “Radio Animal”.

Tal e como apunta Lorena Fernández, da asociación Indican, a campaña presentada onte á tardiña na Casa do Concello céntrase “en disuadir a poboación de utilizar os animais como agasallos”. Fernández insiste en que “non son peluches nin xoguetes, teñen unhas necesidades que cubrir”.

A acción de concienciación veciñal lánzase ás portas do Nadal, “cando hai máis consumismo e se fan compras sen ningunha reflexión previa”, precisa Lorena Fernández, e cunha mensaxe moi clara para as familias: “non é unha obriga ter un can, non é unha obriga ter un gato, non é unha obriga ter un coello, pero se o tes, cóidao con responsabilidade”.

Ademais, segundo insisten desde o colectivo, a decisión de incorporar un membro animal á familia hai que valorala con detemento, principalmente porque as máis das veces son as nenas e nenos quen piden traer unha mascota para a casa e, unha vez chega, os maiores delegan neles os coidados, que van moito máis aló que o feito de alimentalos ou sacalos pasear. “Coidar un animal non é algo que lle corresponda a un neno. Os nenos non teñen madurez suficiente para iso”, apunta a veterinaria especializada en comportamento Noemi Graña. A experta engade que “moitos abandonos prodúcense por problemas condutuais” que non se saben xestionar.

En calquera caso, se despois de meditala ben meditada se acaba tomando a decisión, desde Indican aconsellan a adopción en vez de compra. Por varios motivos: porque lles ofrece unha nova vida “en familia” a animais que están en refuxios -“seres vivos que senten”, recordan desde a asociación- , porque se está colaborando no traballo que desenvolven as protectoras e, comenta Noemi Ferreira, “porque fomentando a adopción reducimos todo este mercadeo que existe arredor dos animais. Incluso existen granxas dedicadas á reprodución onde os animais están en moi malas condicións”.

Apoio municipal
A campaña de concienciación promovida por Indican en colaboración co Concello conta con carteis e outro material que xa se está distribuíndo en caixas de correo e en espazos comúns, como son centros culturais e deportivos ou establecementos comerciais. Ademais tamén está previsto ofrecer charlas nos colexios, xa que “a poboación infantil é fundamental no labor de sensibilización de todo o núcleo familiar” destacou o concelleiro de Medio Ambiente, Justo Ardá, agradecendo ademais o labor da asociación, con quen o Concello leva tempo traballando en distintas accións.

Neste sentido, o consistorio corre cos custes de impresión de cartelaría e folletos e tamén apoia a iniciativa a través de Radio Fene, desde onde se emitirá semanalmente o espazo “Radio Animal” -os mércores, 11:00h- conducido por responsables de Indican coa colaboración dunha chea de persoas especializadas en distintas materias relacionadas cos coidados e a tenza responsable. “Queremos concienciar e ensinar como debes ter un animal na casa” por medio de contidos baseados no rigor científico. “Hai moitos mitos sobre o comportamento e os hábitos de vida que non son certos. Son moitas as cuestións que lles afectan aos animais e explicalas nun medio como a radio e desde a perspectiva da ciencia reduce tamén a posibilidade de abandono”, asegura Noemi Ferreira.

Ademais de apoiar a campaña, o Concello tamén mantén unha estreita cooperación con Indican na detección de casos de maltrato. A entidade asegura que no relativo ao respecto polos animais “lévase avanzado moito, pero queda tamén moito traballo por facer”.

Por iso a terceira mensaxe que queren trasladar á veciñanza é a de “non mirar para outro lado e denunciar”, contactando coa Garda Civil no 981 340 094 /062, chamando ao 112 ou, mellor aínda, avisando á Policía Local -981 492 777-, que nos últimos tempos reforzou o seu labor neste ámbito. “A nosa Policía Local está moi concienciada co benestar animal, intensificando as inspeccións de posibles casos de maltrato e facendo un seguimento posterior moi exhaustivo”, comenta a concelleira Sandra Permuy.

A titular da área de Seguridade informou durante a presentación de onte que a policía municipal xa efectuou “varios decomisos autorizados pola Xunta para solventar casos graves” e precisou que un dos axentes do corpo “préstalle especial atención e dedicación a este tipo de situacións” durante a súa quenda de traballo.