Membros do BNG ribeirense estiveron hoxe apoiando á veciñanza de Corrubedo que se mobilizou para esixir que cubran a única praza de médico que teñen na parroquia.
A concelleira Cruz Rivadulla Márquez denuncia que a falta de profesionais médicos e recursos que padecen os centros de saúde de Ribeira non son froito da casualidade senón que se derivan dunha década de recortes aplicados na Sanidade pública, provocando un colapso sen precedentes.
Rivadulla pide dotar a Corrubedo de médico porque, do contrario, “a poboación maior é a que paga asume as consecuencias de ter que desprazarse ata o xa colapsado centro de saúde de Ribeira en autobús ou en taxi, supoñendo un gasto económico, ou ben depender doutras persoas para o seu traslado”.
Desde o BNG botan man dos datos e alertan de que a situación é insostible pois en Corrubedo falta médico e en Ribeira faltan 7 profesionais dos 14 que debería ter o centro de saúde. “Pedímoslle ao PP que deixe de xogar coa saúde da xente, retire a pretensión de pechar os centros de saúde do rural e se poña a traballar para garantir unha atención sanitaria de calidade” aseverou a edil nacionalista.
No transcurso da mobilización Cruz Rivadulla mostrou o compromiso absoluto do BNG coas demandas da parroquia e declarou que “é urxente aplicar un plan de choque que permita cubrir o 100% das vacantes de persoal sanitario que garantan o dereito a ter un sistema público de saúde eficaz” concluíu.