O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a proxección da moda galega na visita á nova sede central da empresa elPulpo na Coruña. O titular do Goberno galego percorreu as instalacións dunha firma que potencia a marca Galicia e que é símbolo de sustentabilidade e compromiso co medio ambiente.
Na visita, Alfonso Rueda puxo en valor a moda galega como un dos bastións que mellor representa o pulo da Comunidade, tanto no sector téxtil como na industria da confección e do deseño, ademais de destacar a traxectoria da firma elPulpo que conta xa cunha personalidade e un prestixio no mercado galego e no nacional e que está a potenciar a súa singularidade como marca cen por cen sostible que aposta pola economía circular e a produción de proximidade.
O presidente da Xunta tamén salientou o compromiso da marca e dos seus promotores co Xacobeo a raíz do éxito da colección de roupa posta en marcha para a promoción do Ano Santo e que permitiu que unha parte dos beneficios se destinaran á mellora das rutas xacobeas.