Monday 25 de November de 2024

O Concello de Fene ultima a modificación puntual do PXOM promovida a finais do ano pasado


O Goberno local mantivo un encontro co tecido asociativo para explicar o sentido das respostas aos 40 escritos presentados pola veciñanza

O consistorio estima que a modificación habilitará chan residencial no que se poderían construír ata 180 vivendas unifamiliares

O resultado das alegacións deberá pasar polo pleno antes da súa entrada en vigor

O Goberno local de Fene levou a pleno a primeiros de decembro de 2021 a revisión parcial do actual planeamento urbanístico, co obxectivo de crear cinco novas zonas de núcleo rural en Magalofes, Sillobre e Maniños. A proposta de modificación puntual do PXOM -aprobada daquela só co apoio de BNG, PSOE e EU- pretende desbloquear a posibilidade de novas construcións unifamiliares nos Buios, O Redondo e O Feal, en Magalofes, e nos lugares lindeiros de Lubián (Sillobre) e O Piñeiro (Maniños), mentres se avanza na elaboración do novo planeamento urbanístico de Fene. Agora, menos dun ano despois, e tras superarse o período de exposición pública aberto en xaneiro, o consistorio xa recibiu os informes técnicos en resposta ás 40 alegacións presentadas pola veciñanza, relacionadas cun total de 55 parcelas. Neste sentido, o executivo encabezado por Juventino Trigo mantivo hai uns días unha xuntanza co tecido asociativo de cara a explicar o resultado do proceso de modificación urbanística, que se agarda someter a pleno en cuestión de días para a súa aprobación definitiva. Estímase que a nova configuración do solo nas zonas que se verán modificadas ampliará a posibilidade de construír ata 180 vivendas unifamiliares, ademais de contemplar os usos terciarios correspondentes para a posta en marcha de pequenos negocios.

Segundo se informou na reunión celebrada hai escasos días, o equipo técnico de Arqyur S.L. -empresa contratada polo Concello para elaborar os informes- analizou pormenorizadamente 40 alegacións -unha delas desestimada por entrar fóra de prazo- referidas a un total de 55 referencias catastrais, das cales foron aceptadas total ou parcialmente 37 e 18 resultaron desestimadas.

A metade das alegacións rexistradas refírense a 22 parcelas pertencentes ao núcleo rural dos Buios, en Magalofes, posto que é o máis poboado de todos cantos se verán modificados e, ademais, segundo comenta o concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, “é onde existe neste momento unha maior demanda para a construción de vivenda”. Así, a empresa redactora incluiu 19 referencias catastrais dentro da delimitación de núcleo rural: 7 no lugar do Casal, 11 no das Queiras e unha na Torre.

“No caso das alegacións que afectan ao lugar de O Casal aceptáronse a totalidade, mentres que no asentamento de As Queiras o equipo técnico aconsella admitir alegacións totais e parciais. As parciais responden á non inclusión da superficie total da finca que solicitaban as persoas interesadas, debido a que se trataba de parcelas de grande superficie ou profundidade, en cuxo caso a aceptación total podería significar unha excesiva fragmentación parcelaria e un grao de consolidación inferior ao mínimo esixible” explica Polo.

Con respecto aos demais lugares, no Redondo terán a consideración como solo de núcleo rural un total de catro novas parcelas (rexeitáronse 9), no Feal serán outras catro (admitíronse todas as peticións), en Lubián entrará unha finca (desestimáronse alegacións doutras 4) e no Piñeiro mudará a cualificación en outros dous predios, despois de aceptarse a alegación correspondente.

No tocante a alegacións para ampliar superficies dentro de núcleo rural, o equipo técnico informou negativamente sobre unha parcela nos Buios e outra no Redondo, estimou o incremento solicitado en dúas parcelas do Feal, aceptou outra ampliación en Lubián (rexeitou dúas) e tamén valorou positivamente o incremento da delimitación como núcleo rural en dúas parcelas do Piñeiro, ao tempo que rexeitou outra.

Agora, unha vez recibidos os informes técnicos, o Concello deberá someter a pleno a modificación puntual para a súa aprobación definitiva e o seu traslado ao planeamento urbanístico fenés. O Equipo de goberno manexa como previsión poder tratar o asunto na sesión do próximo 19 de decembro, sempre e cando estea lista para daquela toda a documentación do expediente que falta por preparar.

O trámite busca corrixir o problema de fondo do planeamento en vigor, que data de 2003, no que figura unha grande cantidade de solo urbano e pequenas zonas delimitadas como solo de núcleo rural, pero non suficiente espazo para vivenda unifamiliar . “O PXOM de 2003 prevía un crecemento do centro de Fene e delimitaba núcleos rurais contando con que as parroquias ían medrar pouco. O planeamento non foi capaz de anticipar e definir a maneira en que debía medrar a zona de transición entre o urbano e o rústico e por iso non dispón de chan para a construción de vivendas unifamiliares fóra das áreas de planeamento específico do urbano”, explica o concelleiro de Urbanismo. “É algo contraditorio coa realidade do propio asentamento poboacional e é algo ao que lle queremos dar solución con esta modificación”, engade.

Manuel Polo tamén destacou “a rapidez na tramitación”, posto que, se todo vai sobre o previsto, “teremos completado o proceso en pouco máis dun ano, sen contar o traballo que houbo que facer antes da aprobación inicial de decembro de 2021. É un tempo récord nunha cuestión tan complexa coma esta”.

A grandes trazos, a modificación puntual dos núcleos onde conflúen Magalofes, Sillobre e Maniños transformará o actual solo urbano e parte do rústico nunha mesma cualificación como solo de núcleo rural, para que toda a zona edificada da parroquia conte cunha planificación urbanística equilibrada e sostible que permita a construción de vivenda unifamiliar, ademais de recoller os usos terciarios que amparen actividades económicas de profesionais, talleres, comercio, hostalaría, etc. Os cálculos técnicos avanzan que, unha vez concluído o proceso, nas zonas modificadas poderán edificarse até 180 vivendas unifamiliares.