Friday 22 de November de 2024

Mercar no comercio da Pobra ten premio coa terceira edición da campaña Raña e gaña


Un ano máis, o Concello da Pobra do Caramiñal, o DEAN.shop eCommerce e a Asociación de Empresarios alíanse para lanza-la terceira edición da Raña e gaña coa colaboración do tecido empresarial, nomeadamente de Congalsa, Jealsa, Grupo Roig e Conservas Ramón Franco. A campaña busca vigoriza-la actividade económica do municipio na época do Nadal e xerar ilusión co repartimento de máis de 60 000 rascas que agochan un total de 664 agasallos directos por un importe aproximado de 15 000 euros.

En palabras da concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), trátase dunha campaña “moi ilusionante” tanto pola rede que se crea entre os comercios coma pola cantidade de presentes para repartir nestas datas sinaladas; entre eles, a viaxe familiar a Eurodisney que proporciona Congalsa, representada no acto pola directora de relacións externas, Isabel Cañas, quen avoga por mercar nas tendas da Pobra. É unha iniciativa que tamén destaca pola súa dimensión social porque “somos unha comunidade de persoas que axudamos persoas”, tal e como fai fincapé a directora de relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo.

A campaña segue a dinámica de anteriores convocatorias segundo explican as técnicas municipais, Sara Sánchez e Ángeles Tubío. Os rascas distribuiranse en 55 establecementos comerciais e de servizos da localidade, que contarán cun distintivo, entre o día 3 de decembro e o 5 de xaneiro, ambos incluídos. Participan negocios de distinta natureza que son o reflexo da listaxe heteroxénea de obsequios.

Por cada dez euros de compra entregarase unha tarxeta que pode presenta-la lenda “Grazas por apoiar o comercio local” ou resultar premiada e especifica-lo agasallo e a tenda onde se debe recoller. No caso concreto das contribucións das empresas colaboradoras, será preciso achegarse ata a oficina do turismo -situada na Casa Mariñeira-, onde o persoal municipal se encargará da xestión ao permaneceren os artigos alí expostos. A atención ao público é de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas. O prazo para recolle-los premios será ata 28 de febreiro de 2023.