Saturday 16 de November de 2024

O Concello colabora co programa solidario “A Radio Conta” na súa décima edición


O especial estará dedicado á Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco) e gravarase o mércores 14 de decembro no Teatro Rosalía

Inés Rey: “Quero felicitarvos por esta década de radio solidaria, apoiando e dando visibilidade ás entidades sociais da cidade que tan bo labor fan”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá unha nova edición do programa solidario “A Radio Conta” que celebra este ano a súa décima edición. A rexedora estivo acompañada polos xornalistas Moncho Viña e Chus Castro xunto con Juan Luis Delgado, presidente da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco), entidade á que se lle dedica o especial deste ano. “Quero felicitarvos por esta
década de radio solidaria, apoiando e dando visibilidade ás entidades sociais da cidade que tan bo labor fan” explicou a rexedora.

“A Radio Conta” é unha iniciativa de carácter benéfico que se vén desenvolvendo anualmente dende 2013 e na que participan oito emisoras locais da cidade: Radio Galega, Radio Nacional de España, Radio Coruña-Cadena SER, Radio Voz, Onda Cero, Radio Marca, COPE e InterCoruña Radio. “Un programa con moito ADN coruñés que xunta ese marcado carácter social que tanto nos identifica, no que contaremos con máis de 30 profesionais da radio xunto con outras personalidades do mundo da comunicación e da cultura” sinalou Rey.

Entre elas estarán referentes do audiovisual galego coma os irmáns Jorge e Pepe Coira, ou a actriz Mabel Rivera, así como da música, coas actuacións de Merchy Treviño, Sés e Ortiga ou Borja Quiza e Abraham Cupeiro. Óscar Cruz, Xosé Antonio Touriñán e xornalistas coma Luís Pousa e José Manuel Gutiérrez tamén participarán na gravación do programa, que terá lugar o vindeiro mércores 14 de decembro no Teatro Rosalía, entre as 17.00 e as 20.00 horas, con entrada de balde ata completar capacidade. “Unha aliñación de campionato para celebrar a primeira década da radio máis solidaria. A radio coruñesa”, concluíu a alcaldesa.

O programa emitirase o sábado 24 de decembro desde as 17.00 horas nas emisoras colaboradoras. Está dispoñible unha fila cero para que empresas e particulares poidan achegar donativos co gallo do especial, e colaborar así con Adaceco. O número de conta destinado a tal fin é ES45 2080 0000 7855 0046 4732 (Abanca).