Saturday 16 de November de 2024

O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición na actividade Informática Divertida


A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou a apertura mañá ás 8.30 horas e ata o 12 de decembro (incluído) ás 13.30 o prazo de inscrición na actividade municipal Informática Divertida (INDI) dirixida a rapazas e rapaces de 8 a 12 anos empadroados en Narón. As sesións terán lugar na Aula Cemit de Xuvia do 23 de decembro ao 5 de xaneiro de luns a venres e tamén hai a posiblidade de facelo nos centros cívicos sociais das parroquias do rural. Os menores que asistan aprenderán a programar con Minecraft, Star Wars e Frozen, deseñar tarxetas de Nadal e a realizar un cómic dixital.
Hermida explicou que na Aula Cemit de Xuvia haberá dúas quendas, unha de mañá, de 10.30 a 13.30 e outra de tarde, entre as 16.00 e as 19.00 horas e avanzou que en cada unha das edicións hai un total de doce prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. É obrigatorio que no momento de cubrir a instancia se indique a prioridade na quenda, de mañá ou de tarde.

As solicitudes para as sesións que terán lugar na Aula Cemit de Xuvia deberán presentarse –cubrindo tamén un anexo- a través da Sede Electrónica de Narón –onde se pode consultar toda a información no apartado de actividades- ou de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica. O listado de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na web do Concello. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1502 e 1123).

Hermida indicou que no caso da zona rural se ofertou a actividade un ano máis ás sete entidades veciñais, onde se poderán formar grupos dun máximo de dez persoas e se impartirán as sesións en horario de mañá, de 10.30 a 13.30 horas, no mesmo período. As persoas interesadas en informarse ou inscribirse na zona rural deben facelo a través dos locais sociais de cada parroquia.

“Animamos dende o Concello ás nenas e nenos aos que se dirixe esta proposta a que se inscriban, para desfrutar dunha actividade que combina a aprendizaxe coa diversión e que cada ano ten moi boa acollida na nosa cidade”, asegurou Hermida.