A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura organiza unha “Xornada de Irmandade Abelleira”, que terá lugar o vindeiro 10 de decembro no local social da AVV Rosa dos Ventos, en Sedes. As persoas interesadas en asistir deberán anotarse previamente a través do correo electrónico dagaferrol@hotmail.com, estando limitada a actividade a un máximo de 40 persoas. No momento da inscrición terán preferencia as veciñas e veciños de Narón e as socias e socios de AGA.
A programación prevista para a xornada comezará ás 9.30 horas, cunha xuntanza de apicultores de AGA Ferrolterra na que se acordarán as actividades que se levarán a cabo o vindeiro ano. A continuación, sobre as 10.30 horas, levarase a cabo un obradoiro de elaboración de licores artesanais con mel e ás 12.00 outro de elaboración de xabróns do apicultor, a base de ingredientes naturais fronte aos industriais.
Ao mediodía, ás 14.00 horas terá lugar un xantar de irmandade nun restaurante local, para o que haberá que reservar praza antes do 6 de decembro. O prezo é de 15 euros para un menú a base de mexillóns á asturiana, carne asada de tenreira con patacas e verduras, sobremesa, café e bebidas.
Finalmente, ás 16.00 horas haberá unha charla sobre “Control integral da velutina”, dirixido exclusivamente a apicultores ao tratarse de medidas específicas de control nas colmeas.