Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ortigueira prepárase para recibir o nadal co seu aceso de luces


• A inauguración da iluminación será este sábado 3 de decembro, ás 20 horas, na praza Isabel II

• Haberá moitas novidades, como un poboado do Nadal nos xardíns Julio Dávila, un photocall e numerosos adornos do Nadal

• O acto estará amenizado polo baile tradicional da Asociación Cultural Troula do Ortegal, haberá chocolate con churros e agasallos para os máis pequenos

O Concello de Ortigueira xa ten todo listo para recibir o nadal. Este sábado, 3 de decembro, terá lugar o tradicional acendido de luces na Praza Isabel II, a partir das 20 horas.

Este ano haberá unha gran cantidade de novidades para o goce de todos e todas, como o poboado do Nadal nos xardíns Julio Dávila, no que haberá un photocall acorde ás datas para que calquera se poida sacar unha foto; iluminaranse diferentes edificios municipais como a biblioteca, o centro social e a residencia de maiores; alumaranse árbores por todo o centro desde a Alameda ata a Penela; a praza Isabel II terá cuberta de luz, así como tamén as rúas do cantón.

Tamén se colocará unha árbore de nadal na rotonda da avenida Escola de Gaitas, outra gran árbore en Espasante engalanado polo obradoiro de ‘patchwork’ de gamelas e andoriñas; e ademais, como todos os anos, todas as parroquias terán a súa iluminación especial para estas datas.

O acto de aceso estará amenizado pola Asociación Cultural Troula do Ortegal, para que todos os presentes poidan gozar da música e o baile tradicional; repartirase chocolate con churros para todos os asistentes e, ademais, haberá agasallos para os máis pequenos da casa.
Desde o Concello de Ortigueira convidamos a todos, veciños e visitantes, a vir gozar dunha xornada en grao sumo do Nadal e ver o aceso de luces para este nadal.