Thursday 21 de November de 2024

O sector é “optimista” e prevé un “bo” 2023 “cheo de oportunidades” para o turismo da Costa da Morte


Costa da Morte Asociación Turística citou en Caión ao ecosistema turístico do xeodestino no II Encontro de Turismo Costa da Morte, que puxo o foco no “ambicioso proxecto de acadar a certificación Destino Turístico Starlight”

A presidenta de CMAT, Mónica Rodríguez, destacou que a asociación “velará sempre por una representación xusta e equilibrada” do xeodestino admitindo que “a verdadeira riqueza está na súa amplitude e diversidade”

CMAT celebrará cada ano un encontro do turismo nun concello do territorio

Unha mesa redonda abordou ‘Os ceos e as estrelas na Fin do Mundo’ e falou do selo Destino Turístico Starlight, un proxecto que “axudaría a diversificar e especializar a oferta” e a “fomentar o emprendemento” en astroturismo

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), entidade que aglutina os intereses dos axentes turísticos deste territorio tanto do sector público como privado, augura un “bo e excelente” ano 2023 “cheo de oportunidades” para o turismo dos 17 concellos que integran o xeodestiono. CMAT, que preside Mónica Rodríguez, organizou esta tarde en Caión o II Encontro de Turismo de Costa da Morte, unha cita que conta co cofinaciamento da Xunta de Galicia a través dun convenio entre CMAT e Turismo de Galicia e que serve para “comunicar os maiores éxitos desta anualidade” e para poñer en valor os retos para o próximo exercicio. “O desexo de CMAT é celebrar este encontro cada ano e que sexa itinerante para que poidamos contribuir a dar vibilidade e protagonismo a todos os concellos e empresas do sector turístico”, dixo Mónica Rodríguez na súa intervención ao inicio do encontro.

A presidenta de Costa da Morte Asociación Turística destacou que CMAT, “velando sempre por unha repesentación xusta e equilibrada de todo o territorio” e recoñecendo que “a verdadeira” riqueza do xeodestino está na súa “amplitude e diversidade” , traballa para poñer en valor a “marca común: Costa da Morte”, integrada por Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas, ademais da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM). Rodríguez tamén destacou que a CMAT “quere poñer o foco nun dos proxectos máis ambiciosos ao que se presentou Costa da Morte: acadar a certificación de Destino Turístico Starlight”.

Un encontro cun tema central: a Certificación de Costa da Morte coma Destino Starlight

A cita, que pretende reunir cada ano ao sector nunha localidade diferente do xeodestino, puxo en valor “un dos maiores esforzos realizados pola CMAT no 2022”, o traballo para lograr a consecución da certificación do distintivo Destino Turístico Starlight, en colaboración co catedrático do Departamento de Física Aplicada da USC, Jorge Mira, e a Fundación Starlight, liderada pola súa directora Antonia Varela, presentes hoxe en Caión xunto con Aleix Roig, guía Starlight e auditor do proceso. E máis aínda “ante a proximidade da resolución sobre a concesión” do principal distintivo de recoñecemento no eido do astroturismo. CMAT confía en coñecer nas próximas semanas se xa pode exercer durante o próximo ano como Destino Turístico Starlight.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, como anfitrión, foi o encargado de abrir o II Encontro de Turismo de Costa da Morte. Seguido de Mónica Rodríguez, presidenta de CMAT, e de Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña.

A continuación celebrouse a mesa redonda Os ceos e as estrelas na Fin do Mundo, moderado por Jorge Mira, “peza clave” como colaborador da CMAT e impulsor da iniciativa da certificación do territorio coma Destino Turístico Starlight. Nela participaron como poñentes convidados Antonia Varela, astrofísica e presidenta da Fundación Starlight, e Aleix Roig, guía astronómico, consultor en astroturismo, astrofotógrafo e colaborador da Fundación Starlight, un dos auditores que visitaron Costa da Morte xunto con Susana Malón. Os dous especialistas estiveron no xeodestino no mes de outubro para recoller información sobre a potencialidade do territorio no eido do turismo das estrelas. Antonia Varela mostrou a súa confianza en que Costa da Morte poida incorporarse en breve de xeito oficial ao selecto grupo de territorios co selo Destino Turístico Starlight.

A presidenta de CMAT agradeceu o traballo das corporacións municipais de Costa da Morte e dos seus técnicos e dos empresarios e empresarias dun sector turístico “cada vez máis innovador e diferencial”. “Agardamos que continúe avanzando na unión do sector coa fórmula do asociacionismo e, especialmente, a través de APTCM”. Tamén agradeceu o apoio dos medios de comunición e dos expertos e expertas. “Este ano a CMAT contou cos mellores profesionais nos eidos do megalitismo, do turismo xeolóxico e do astroturismo”, engadiu a presidenta.

Maior conciencia social e ambiental

Mónica Rodríguez desexou que CMAT “siga sendo un ente vivo e saudable, a pleno funcionamento e rendemento”. Agradeceu tamén o traballo da secretaría técnica e o seu esforzo no obxectivo de acadar a certificación de Destino Turístico Starlight. Neste senso fixou para 2023 o obxectivo de “poñer en valor o ceo nocturno de Costa da Morte” porque “o noso territorio é un lugar extraordinario para contemplar o ceo e as estrelas e gozar dos solpores”.

A presidenta de CMAT tamén tivo palabras de agradecemento para o catedrático Jorge Mira, que “nos axuda a diferenciarnos e a posicionarnos no ámbito internacional”. Ao seu xuizo, obter o certificado Destino Turístico Starlight “suporía un impacto positivo” que “axudaría a diversificar e especializar a nosa oferta turística de calidade e fomentaría o emprendemento en astroturismo, así como acadar novos fluxos turísticos máis respetuosos e con maior conciencia social e ambiental”.

Antes da mesa redonda proxectouse un vídeo sobre a natureza salvaxe da Costa da Morte elaborado polo equipo de Fernando Rey, de LuzLux, convidando aos viaxeiros a achegarse a Costa da Morte fóra da tempada alta.

Pola súa banda, Nava Castro Domínguez, directora de Turismo de Galicia, foi a encargada de pechar o II Encontro de Turismo de Costa da Morte. Falou dos destinos Starlight en Galicia e da nova guía O último solpor da Europa Continental, publicación que será presentada oficialmente en Fitur 2023, cita que terá lugar en Madrid do 18 ao 23 de xaneiro do próximo ano. A guía está baseada nos traballos realizados por Jorge Mira.

Os axentes do sector turístico tamén tiveron tempo, tras a clausura, para facer networking.