Os orzamentos de 2023 incrementan nun 55% os fondos destinados a este servizo, ata acadar os 11,5 millóns de euros
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou esta tarde o novo impulso que a Xunta está a dar á Teleasistencia para superar os 10.000 maiores con dependencia que teñen apoios tecnolóxicos nas súas casas. Díxoo nas Xornadas estatais de servizos tecnolóxicos dixitais organizadas por Cruz Vermella e que se desenvolven ata pasado mañá, xoves, no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco).
Antón Acevedo destacou o traballo conxunto coa Cruz Vermella para impulsar a Teleasistencia, que permite ao maiores recibir a atención que necesitan nos seus domicilios con tan só premer un botón. Ao respecto, explicou que nos orzamentos do vindeiro ano os fondos para este servizo suben un 55%, ata acadar os 11,5 millóns de euros. Isto pon de manifesto, engadiu, a vontade do Executivo autonómico de aproveitar as vantaxes que ofrecen os avances técnicos para mellorar a atención aos maiores, tal e como se recolle no novo modelo de coidados de Galicia.
Así mesmo, o director xeral apuntou que “destinaremos máis diñeiro que nunca ao maiores para que vivan onde viva poidan pasar esta etapa de acordo ás súas preferencias e necesidades”. Con este fin, o Goberno galego está a redobrar a súa aposta por aqueles servizos de proximidade que lles permitan ás persoas de máis idade ver cumprido o seu desexo de envellecer na súa contorna.
Máis servizos de proximidade
Este é o caso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva coidados profesionais ás casas de máis de 25.000 maiores; o programa de Coidados Porta a Porta, que achega por todo o territorio galego servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria que xa atenderon no que vai de ano a máis de 22.000 persoas; ou o centenar de casas do maior existentes por toda a Comunidade Autónoma