Estes son días de moita actividade no CEIP Bergantiños. Para rematar o mes, o alumnado participará mañá mércores na carreira Enki, unha cita única en Galicia que se vén desenvolvendo dende o ano 2014 para promover a inclusión e a visualización de colectivos e persoas con diversidade funcional, así como o respecto e a educación na diversidade. Pero hoxe recibiron tamén a visita do Club Ciclista Carballo e da Policía Local para abordar outra materia de gran interese para peques e maiores: a seguridade viaria.
Os tres grupos de primeiro curso de primaria participaron ao longo da mañá en varias actividades, ás que se sumou tamén o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane. Os axentes da Policía Local e o persoal do Club Ciclista Carballo ofreceron aos nenos as claves para circular con seguridade, tanto a pé coma en bicicleta, e despois tiveron a ocasión de levar á práctica as ensinanzas nun circuíto de seguridade viaria.
A iniciativa tivo moi boa acollida tanto entre o alumnado coma entre o profesorado, e dende a Concellaría de Mobilidade estaremos encantados de repetila as veces que faga falla. Tanto os centros educativos coma as asociacións ou os consellos parroquiais interesados poden enviar a solicitude para unha actividade de seguridade viaria ao enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal, e organizaremos unha xornada adaptada ao público ao que vaia destinada.