O Concello da Pobra do Caramiñal incorpora un novo servizo na Casa da Mocidade. O Fab-Lab alí situado contará a partir do día 1 de decembro con apoio técnico aos xoves, de 16.30 a 20.30 horas, e aos sábados, dende as 10.00 ata as 14.00 horas.
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e o concelleiro da Mocidade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), indican que a finalidade é dinamizar este espazo para que a cidadanía da contorna, independentemente da súa idade, faga uso das ferramentas ao seu dispor como son, por exemplo, as impresoras 3D. Ofrecerase, ademais, asistencia para a fabricación dixital, elaboración de proxectos de prototipaxe rápida, deseño tridimensional e gravado con láser ou fresa, entre outras posibilidades.
Tamén se promoverán iniciativas comúns para aquelas persoas que non teñan un proxecto privado, pero queiran formarse ao tempo que demostran a súa creatividade.