Friday 22 de November de 2024

O Concello aproba 22 novos investimentos na cidade por 6,5 millóns de euros e amplía a oito horas a gratuidade na Rede de Escolas Infantís Municipais


O Goberno de Inés Rey destinará 3,1 millóns aos accesos á Cidade das TIC

Ademais, o modificativo de crédito aprobado este martes incrementa os fondos para rehabilitar as Casas de Franco, a construción do campo de fútbol de Eirís e potenciar o servizo de BiciCoruña

O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, recordou que “os concellos levan moitísimos anos asumindo competencias en Educación, materia que lle corresponde á Xunta”

O Goberno municipal aprobou hoxe no Pleno modificativos de crédito por 6,5 millóns de euros. Os fondos irán destinados a investimentos no eido económico, social, educativo e deportivo, entre outros.

Coa aprobación destas modificacións de crédito, o Goberno de Inés Rey impulsará ata 22 investimentos na cidade. Entre eles, o proxecto da Cidade das TIC e a construción do campo de fútbol de Eirís, así como unha nova liña de axudas para a consolidación da economía social. Ademais, a través desta modificación, tamén se facilita o reequilibrio económico do Club do Mar de San Amaro.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, detallou polo miúdo as principais partidas que recollen os modificativos de crédito, que abranguen fondos para unha serie de investimentos fundamentais para a cidade en clave de infraestruturas e rehabilitación: destínanse 3,1 millóns de euros aos accesos á Cidade das TIC; máis de 644.000 euros para financiar o campo de fútbol de Eirís; increméntanse en 90.000 euros os fondos municipais para rehabilitar as Casas de Franco, no barrio do Ventorrillo; outros 470.000 euros para a ampliación de capital da EMVSA de cara a impulsar a expansión do servizo municipal de BiciCoruña e o novo programa ‘Mover Os Baixos’; e financiarase a pista de skate e multideportes da praza Xosé Toubes, no barrio de Catro Camiños, cun total de 450.000 euros.

Ademais, no tocante ao eido cultural, destinaranse 725.000 euros a financiar a programación de Nadal, o programa de apoio a entidades culturais e os gastos de funcionamento do IMCE.

Por outra banda, a Corporación municipal aprobou, por unanimidade, dotar con 200.000 euros a convocatoria do novo programa de fomento e consolidación da economía social e do cooperativismo; 126.300 euros destinados aos convenios nominativos con nove entidades deportivas da cidade.

Unha delas é o Club do Mar de San Amaro, que, ademais, e a través dun convenio extraordinario formulado para lle axudar ao club de forma transitoria, obtén 52.807 euros en concepto de reequilibrio económico. En total, e agregando a esta cifra o importe correspondente ao convenio nominativo asinado co Concello, o Club do Mar recibe unha achega total de 90.000 euros.

Lage recordou, ademais, que os fondos tamén permitirán acometer a mellora do skate-park existente no barrio de Eirís, que se executará entre este ano e o 2023, e a recuperación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Torre de Hércules.

A ampliación a oito horas da gratuidade na Rede de Escolas Infantís Municipais

O Pleno tamén deu luz verde á ampliación a oito horas da gratuidade na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) da cidade. Desta forma, o Goberno de Inés Rey incrementa as prestacións e servizo das escolas que conforman a rede, pasando de seis a oito horas gratuítas.

O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, recordou que “foi o Goberno de Inés Rey o que introduciu, por primeira vez na historia do Concello, a gratuidade das escolas infantís municipais”, unha iniciativa pioneira ideada para facilitar o acceso de balde ao ensino ás crianzas de ata tres anos de idade. Lage recordou tamén que a medida impulsada polo executivo local adiantouse un ano á que despois aprobaría a Xunta.