Friday 22 de November de 2024

Ordes acollerá o curso “Prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria agrícola. Manexo práctico do tractor e os seus apeiros”


Terá contido teórico e práctico e desenvolverase do 13 ao 17 de outubro

O Departamento de Emprego do Concello de Ordes dá a coñecer o curso de “Prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria agrícola. Manexo práctico do tractor e os seus apeiros”. Promovido polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) nos seus obxectivos figura o coñecemento da Lei de prevención de riscos laborais, os riscos do seu traballo e as medidas para evitalos, a formación efectiva para evitar os riscos laborais, ademais da aprendizaxe das operacións básicas de manexo e mantemento do tractor e os seus apeiros.

Poderán asistir persoas traballadoras maiores de idade ocupadas ou desempregadas na actividade á que se dirixe, con residencia ou centro de traballo actual ou anterior nalgún dos concellos incluídos no plan de zona (Abegondo, Coirós, Boiro, Curtis, San Sadurniño, A Pastoriza, Abadín, Guitiriz, Navia de Suarna, Trabada, Allariz, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, Vilar de Barrio, Vilardevós, A Cañiza, Lalín, Mondariz, O Porriño, Vilanova de Arousa). A duración será de vinte e dúas horas, con xornadas de traballo de cinco horas como máximo. As clases teóricas serán os luns e martes de 15 a 19 horas no Mesón do Vento, mentres que as prácticas os mércores, xoves e venres nunha parcela de titularidade municipal. As datas do curso irán dende o 13 ata o 17 de outubro, tendo que inscribirse ata cinco días antes do seu inicio a través do correo electrónico desenvolvementorural.issga@xunta.es. Para máis información tamén se dispón do teléfono 986783582.

Esta iniciativa formativa está cofinanciada polo ISSGA; a Consellería de Traballo e Benestar; o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; o Programa de Desenvolvemento Rural Sostible e Galicia Inviste no Rural.

Para máis información pódese visitar a páxina web www.issga.xunta.es