Friday 22 de November de 2024

O Concello conmemorará este venres con varios actos o Día dos Dereitos Humanos


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou hoxe xunto coa edil responsable do Servizo Sociocomunitario de Narón, Mercedes Taibo, e representantes de varias entidades os actos cos que o Concello conmemorará o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Con motivo desa data o vindeiro venres, día 2, desenvolverase un completo programa “para poñer en valor o traballo que desenvolven as entidades que traballan nestes ámbitos e o seu compromiso para avanzar na consecución dunha sociedade inclusiva”, tal e como destacou Ferreiro. “Iguais na nosa diversidade” é o lema elixido para a convocatoria deste ano.

As diferentes propostas levaranse a cabo en espazos municipais, en horario de mañá e tarde, e ademais das entidades participantes e colaboradoras, contará coa asistencia de alumnado de centros de ensino da cidade e un apartado musical. O Pazo da Cultura abrirá a programación do venres, coa proxección ás 10.00 horas, da película de animación “Valentina”, que verán escolares de primeiro e segundo curso de Primaria.

As actividades programadas continuarán ese mesmo día pola tarde, dende as 17.30 horas, no Auditorio municipal, cunha ponencia do escritor Ricardo Pérez Montero sobre a súa experiencia como escritor con diversidade funcional. Ás 18.00 horas actuará o grupo de música pop-rock Chungo Pastel, da Fundación Igual Arte. Esta formación está integrada por cinco artistas con diversidade funcional que tocan a batería, o baixo, a guitarra eléctrica, os teclados e unha pequena percusión, que versionarán cancións actuais e tamén tocarán creacións propias. Trala súa actuación proxectarase o videoclip do making off de Eu Sumo, a partir das 18.55 horas. Neste traballo recompílase todo o labor realizado na campaña de sensibilización Eu Sumo por un mundo cheo de diversidade o pasado ano dende o Concello e diversas entidades. A programación do Auditorio municipal rematará co concerto inclusivo de Marcos Mella, con mochilas vibratorias e intérpretes de lingua de signos, que dará comezo ás 19.00 horas.
Así mesmo, dende o venres ata o 30 de decembro poderanse ver no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros exposicións artísticas cedidas pola ASCM, Aspaneps, Teima Down Ferrol, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Cogami e Acadar.

O Concello organizou a programación en colaboración coas entidades Áurega, Cogami, Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Aspanaes, Alcer, ASCM, Aspaneps, Teima Down Ferrol e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. “A todas elas quero agradecer non só a súa implicación co Concello para organizar eventos como o presentado hoxe, senón o labor que desenvolven día a día con diferentes colectivos para avanzar na súa inclusión plena na nosa sociedade, un fin para o que como xa saben contan con todo o noso apoio e compromiso”, recalcou Ferreiro.