Friday 22 de November de 2024

O BNG celebra 40 anos de historia coa presentación do libro “40 anos ao servizo de Galiza” e un recoñecemento á militancia


O acto comarcal celebrarase este venres 2 de decembro, ás 20.30 horas, no salón de actos do 2º andar do Pazo da Cultura

Dentro do programa que se está a despregar por todo o país, Carballo acolle este venres 2 de decembro un acto conmemorativo do 40º aniversario do BNG. O punto de encontro de militancia, simpatizantes e todas as persoas que queiran sumarse será o salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura.

A responsable local do BNG de Carballo, Inés Rodríguez, abrirá as intervencións ás 20.30 horas. De seguido, Manuel Anxo Fernández Baz presentará o libro 40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022, no que repasa ano a ano os principais feitos políticos e as actuacións chave do nacionalismo ao longo destes 40 anos nunha edición cun importante peso gráfico, xa que contén máis de 400 fotografías (moitas delas inéditas) de momentos especialmente relevantes da historia do BNG.

Ademais da presentación do libro, a celebración do 40º aniversario do BNG inclúe un recoñecemento público á militancia, representada por militantes históricos/as de Bergantiños que asistiron ao nacemento da formación nacionalista no ano 1982. Entre eles estará o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, cuxa intervención porá fin ao acto.