Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño iniciará en xaneiro as obras de rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita


Os traballos, adxudicados en 285.535,80 euros á construtora Covisam Norte S.L., estarán financiados nun 80% pola Deputación da Coruña, gracias a un convenio asinado a comezos de agosto polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde, Secundino García

O inmoble destinarase a usos sociais e a crear un espazo de referencia comarcal na prevención e abordaxe de procesos de deterioramento cognitivo

O Concello e a construtora Covisam Norte S.L. xa teñen asinado o contrato das obras de rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita para reconvertela nun espazo sociocomunitario e centro de referencia comarcal relacionado coa atención ás persoas con deterioramento cognitivo. A empresa foi a mellor puntuada nun proceso de licitación pública ao que concorreron outras dúas firmas e, como tal, deberá executar os traballos nun prazo máximo de 3 meses desde o seu comezo. O importe de adxudicación foi de 285.535,80 euros -14.314 por debaixo do prezo base- que o Concello financiará con cargo a un convenio nominativo suscrito coa Deputación da Coruña. Representantes do Goberno local e de Covisam Norte S.L. visitaron o venres a edificación para ver o seu estado inicial e planificar o arranque das obras, previsto para despois de Reis.

O inmoble, situado no lugar da Torre, en Igrexafeita, foi edificado en 1958 e deixou de funcionar como escola a principios dos 90, momento no que pasou ser empregado durante algún tempo pola A.VV. Adiante para celebrar xuntanzas e organizar distintas actividades. Porén, cando a asociación veciñal mercou e rehabilitou a antiga casa reitoral da parroquia, a vella escola da Torre ficou abandonada.

A edificación ten unha superficie de 250 metros cadrados divididos en dous andares máis un faiado. No baixo encontrábanse as dúas grandes aulas separadas para nenas e nenos, mentres que no superior, a un e outro lado do canón da escaleira, quedan as dúas vivendas destinadas antano ao profesorado.

O proxecto deseñado pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz, describe unhas obras de rehabilitación integral co obxectivo de axeitar a escola a un uso sociocomunitario. Os traballos non modificarán a estrutura pero si a distribución do espazo, sobre todo o do primeiro andar, onde será necesario suprimir tabiques para conseguir unha superficie diáfana que logo se poida volver dividir atendendo ás necesidades de uso.

O groso dos traballos consistirá na renovación da envolvente e na instalación de novas fiestras para acadar mellores condicións de illamento térmico, xunto coa reparación o interior co obxectivo de que tamén teña boas condicións de illamento sonoro e de habitabilidade.

Ademais, o edificio mellorará en accesibilidade coa instalación dunha rampa lateral e dun ascensor cuxo corpo irá polo exterior da fachada para non comer espazo interior nin tampouco deixar inutilizado o xa de por si reducido oco da escaleira.

Por outra banda tamén se pretende que as instalacións sexan da máxima eficiencia enerxética, algo que se conseguirá combinando o illamento cunha calefacción por aerotermia e con iluminación led. O pintado, o cambio das carpintarías e a instalación de falsos teitos completan a relación de obras do proxecto.

Responsables da empresa adxudicataria das obras visitaron hai escasos días o inmoble para comezar a planificar os traballos que deberán acometer no prazo máximo de 3 meses desde o seu inicio. No encontro mantido con Secundino García e coa concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, Covisam Norte S.L. comprometeuse a comezar xusto despois de Reis, posto que durante decembro acumúlanse varios festivos -a Construción colle por convenio toda a ponte da semana que vén- e, ademais, é habitual que no sector se deixen parte das vacacións anuais para as festas do Nadal por ser as de menor actividade.

Con esta previsión, e de cumprirse os prazos máximos establecidos por contrato, o edificio estaría listo para entrar en funcionamento para primeiros ou mediados do mes de abril. O obxecto da rehabilitación, segundo recordou Secundino García, é “recuperar e poñer en valor un ben municipal que, de non actuar, acabaría nun estado ruinoso”.

Porén, alén da conservación do inmoble, o rexedor destaca a súa “finalidade social” como espazo “coas mellores condicións” para que poida ser utilizado pola veciñanza e para que nel se poidan desenvolver “actividades de prevención do deterioramento cognitivo e de atención tanto a persoas como a familias de persoas afectadas por algún proceso deste tipo”.

Nas obras investiranse un total de 285.535,80 euros. A Deputación da Coruña achegará case 240.000 euros, por medio dun convenio nominativo asinado a comezos de agosto polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e Secundino García. Os algo máis de 45.500 euros de diferenza serán asumidos polo Concello con fondos propios.