Contando Ciencia céntrase este xoves no “Metabolismo, obesidade e outras cuestións”
Sulay Tovar Carro, investigadora do Ramón y Cajal e do CIMUS, é a próxima convidada ao ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino do Concello de Fene. O programa, co que se pretende achegar a ciencia á poboación en xeral, desenvólvese na Casa da Cultura de Fene un xoves ao mes e sempre ás 19:30, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Nesta ocasión, o xoves 1 de decembro, Sulay Tovar falará sobre “Metabolismo, obesidade e outras cuestión”.
Doutora en bioloxía pola UDC, Sulay Tovar desenvolveu o seu labor investigador con estadías no Institute for Genetics. University of Cologne (Colonia, Germany); Genome Research Institute, Obesity Research Center University of Cincinatti (USA) e Universidade de Córdoba. Ademais é membro da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición e da Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición.
É autora de numerosos artigos en revistas científicas e relatorios en congresos estatais e internacionais. Premio Roche Farma 2005 e 2006; Premio Sergio Vidal 2006 e Premio de Investigacións da Academia Médico-Quirúxica.
Trala sesión deste xoves, a seguinte cita do ciclo Contando Ciencia será o martes 17 de xaneiro, con Ángel Caracedo, doutor en medicina pola USC e catedrático de medicina legal nesta mesma universidade. Falará sobre “A medicina xenómica”.