Celebrará na polideportiva do Roxal unha xornada formativa ás 17:00 horas
Trinta novos fogares sumaranse ao programa de compostaxe doméstica que impulsa o Concello de Neda, e este mércores ás 17:00 horas recibirán na pista polideportiva do Roxal os medios necesarios para levar a cabo o proceso. Será despois de recibir unha formación a cargo de persoal técnico que, nos vindeiros meses, supervisarán tamén porta a porta a correcta implantación do programa, ofrecendo ademais asesoramento personalizado.
Con estas novas adhesións, serán xa preto do centenar as vivendas incorporadas ao proxecto que o Concello leva a cabo co apoio da Consellería de Medio Ambiente a través dos fondos Next Generation.
O obxectivo do Concello de Neda co desenvolvemento desta iniciativa é o de lograr reducir os residuos orgánicos que van directamente ao colector verde (fracción resto), facilitando a súa transformación en abono natural para utilizar en xardíns e hortas, coa consecuente redución de toneladas anuais de CO2.