O presidente da Xunta enxalza o labor dos premiados dos que di que nunca se renderon e que a súa principal virtude é a loita
O presidente da Xunta asistiu á entrega dos Premios ‘Directivo do Ano’ e agradeceu á CEDE que recoñecese aos galardoados para que que “non permanezan ocultos senón ao alcance de todo o mundo para ensinarnos algo fundamental: que para trazar o noso destino, as solucións están en e entre nós”.
O responsable do Goberno galego mostrou a súa gratitude á Confederación Española de Directivos y Ejecutivos porque, segundo as súas palabras, “proporcionádesnos durante estes días novas razóns para crer en nós mesmos”. Ao que engadiu que en Galicia hai razóns para esa autoconfianza, pois Galicia ofrece unha “responsabilidade económica que se prolonga desde hai moitos anos que nos permitiu ser unha das comunidades máis solventes de España”, afirmou, “unha estabilidade que lle está axudando a consolidar a recuperación económica, como demostra que se reducise o paro interanual durante 23 meses consecutivos”. A estas dúas razóns o presidente agregou dous máis, “a credibilidade que permitiu a renovada aposta de Citröen pola súa factoría de Vigo, o compromiso da cuarta petroleira do mundo, Pemex, con estaleiros públicos e privados coa nosa terra, e tamén o compromiso da téxtil Inditex”. Por último o mandatario galego aduciu que “Galicia ofrece oportunidades de inversión e unha importante superficie de solo industrial para desenvolver proxectos de todo tipo”.
No seu discurso o responsable do Goberno galego enxalzou o labor desempeñado polos cinco premiados, dos que destacou que, a pesar da diversidade dos seus ámbitos de traballo, teñen algo en común que é que “ningún claudicou, a súa principal virtude é a loita, a capacidade para buscar e atopar novos camiños a medida que as circunstancias e as necesidades van cambiando”.
Tamén quixo destacar o presidente da Xunta que en Galicia, ademais dos homenaxeados, existen moitos exemplos máis de “galegos e galegas que están a escribir agora mesmo a nosa historia”.
Para rematar a súa intervención, Feijóo afirmou que “a evolución da humanidade é unha consecuencia do esforzo permanente das mulleres e dos homes” e que “os líderes axeitados don fundamentais na empresa, na política e no día a día de calquera sociedade”, concluíu.