As 13 imaxes elixidas polo xurado ilustrarán o calendario municipal 2023
Xa hai gañadores no Concurso fotográfico convocado no marco da campaña “(RE)descubre Neda” para seleccionar as 13 imaxes que irán no calendario municipal do 2023. Aos autores e autoras das fotos elixidas polo xurado, do que formaba parte, entre outros, o fotoxornalista, José Pardo, corresponderanlles cheques regalo para gastar no comercio e na hostalería local. En total, o Concello de Neda repartiu 700 euros en premios.
Na primeira edición deste certame fotográfico, destinado a pór en valor o mellor de Neda dende o punto de vista paisaxístico, natural, patrimonial ou etnográfico presentáronse preto de 200 imaxes, das que 164 cumprían as condicións esixidas para participar.
O Concello de Neda facía público este luns o fallo do xurado, integrado polo alcalde, Ángel Álvariño, o fotoxornalista de La Voz de Galicia, José Pardo, a concelleira de Turismo, Soraya Fernández e a animadora sociocultural de Neda, Copi Villaamil.
O fenés Felipe Manuel Marta Doce convertíase no gran triunfador, ao acadar que as tres imaxes que presentou ao certame (o número máximo) resultaran seleccionadas polo xurado. Unha delas – a vista aérea da Fervenza do Belelle- foi ademais a máis votada e, polo tanto, será a portada do calendario municipal, correspondéndolle o vale de 100 €.
Pola súa banda, levaron vales por valor de 50 € Xosé Antón Marcal, Alejandro Martínez, Andrés Díaz, Bruno Rodríguez, Johnny Jesús Pena, Mary Acevedo, Juan Antonio Chaparro, Nerea Corral, Sergio Pena, José Alvariño e dous a Felipe Manuel Marta Doce.
No nome do xurado, o rexedor municipal felicitaba aos gañadores durante a entrega dos vales regalo, tras destacar a elevada participación rexistrada e a calidade de boa parte das imaxes presentadas. Ademais, subliñou o feito de que a iniciativa servirá, aínda que sexa nunha pequena medida, para apoiar e favorecer o consumo nos negocios da vila nunha etapa, o mes previo ao Nadal, que soe resultar baixa en ventas.