Os nacionalistas votan a favor dun suplemento para garantir máis horas no Servizo de Axuda no Fogar, comedores escolares ou a mellora laboral do persoal público
O BNG lamenta que o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, levara a pleno novamente os Orzamentos sen dialogar cos grupos e pechando as posiblidades de chegar a acordos. “A negativa do goberno local a chegar a algún tipo de acordos, avoca a Ribeira a non ter unhas contas actualizadas coas que responder ás demandas sociais e afrontar a crise económica” argumentan os nacionalistas.
Desde o BNG informan que foron os primeiros en chamar ao rexedor tralo rexeitamento dos Orzamentos para poder desbloquear asuntos importantes para Ribeira pero aseguran que o goberno local só lles brindou a posibilidade de negociar unha ínfima parte dos Orzamentos de 2022 que non chegaba nin a 1,5 millóns dunhas contas que din ascender a 32,9 millóns de euros. “Ofreceunos negociar as migallas e iso o BNG non o podía aceptar porque supoñía darlles un cheque en branco para seguir aplicando as mesmas políticas fracasadas que non resolven as demandas sociais” argumentou o portavoz, Luís Pérez Barral.
Segundo os nacionalistas, Ruiz trata de botarlle a culpa de todos os males aos grupos pero os datos demostran que o goberno é incapaz de xestionar os recursos con eficiencia e eficacia. “Dos Orzamentos 2020 deixaron sen investir o 46% dos cartos consignados e nos do 2021 non investiron o 54% do total. De que vale aprobar unhas contas que despois non se executan e desatenden as necesidades da poboación? preguntouse Barral.
Explican que non podían facilitar as mesmas contas de hai tan só una semana porque eran as “contas da mentira e do incumprimento” que mantiñan paralizadas obras que levan anos prometéndose como os centros sociais de Carreira e Corrubedo, seguirían dilapidando cartos en actuacións que disparan o seu prezo como o auditorio mentres falta mantemento e prevén aumentar os impostos á veciñanza recadando 4,7 millóns de euros por auga, lixo, saneamento e sumidoiros cando ás grandes eléctricas e telefónicas tan só lles cobrarían 280.000 euros por todo o espazo público que utilizan.
Man tendida
“Fomos os primeiros en tender a man para aprobar temas concretos beneficiosos para a veciñanza porque sabemos que existen mecanismos suficientes para sacalos adiante pero pretenden dicir que a única alternativa pasa por aprobar uns Orzamentos nefastos para Ribeira. A pesar da manipulación e dos ataques do PP, seguimos mostrando a nosa disposición a chegar a acordos” argumentou Barral. O voceiro puxo como exemplo o voto favorable do Bloque a un suplemento de crédito por valor de 970.000 euros para mellorar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ampliar a partida de comedores escolares ou mellorar as condicións laborais do persoal público. “O BNG seguirá traballando en positivo poñendo por riba os intereses da veciñanza. Onte dixémoslle non aos orzamentos do Partido Popular porque chegaban tarde e non daban resposta ás demandas sociais pero dicímoslle si a Ribeira, prometendo estar estar á altura para desbloquear todos aqueles proxectos beneficiosos para a veciñanza que permitan avanzar e construír unha Ribeira en grande” concluíu Barral.