Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño repasa as propostas recibidas para o Orzamento participativo


As ideas veciñais expuxéronse nun encontro celebrado o venres á tardiña ao que asistiu menos público que en anteriores convocatorias

O departamento de Desenvolvemento local e Participación celebrou na tardiña do venres a xuntanza convocada para analizar e priorizar as propostas veciñais susceptibles de seren incorporadas ao orzamento municipal do ano que vén ou de pasar formar parte dunha bolsa de ideas que poderían executarse en próximos exercicios. Malia a publicidade que se lle deu tanto ao proceso como á propia reunión, finalmente foron poucas as persoas que acudiron en representación de entidades ou a título particular. Con todo, no encontro falouse de todas as iniciativas rexistradas -25 en total- e discutiuse sobre a súa viabilidade.

O concelleiro da área, Manolo Varela, abriu a xuntanza referíndose precisamente á baixa afluencia de público (só 6 asistentes), incluso á ausencia de persoas e colectivos que formularon propostas e que despois non acudiron á convocatoria para defendelas. “Ninguén ten a vara máxica para que a xente participe”, dixo Varela, sinalando a continuación que nos últimos anos os procesos abertos polo Concello foron diminuíndo en concorrencia e no número de achegas presentadas “quizais porque moitas das peticións agora se resolven no día a día sen esperar ás asembleas do Orzamento participativo”.

Con todo, o edil deu por bo este cambio de tendencia -“sinal de que se foi mellorando en moitas cousas”, dixo Varela- e defendeu que se sigan celebrando os encontros, como fórmula máis acaída para poñer en común as actuacións propostas pola veciñanza e para coñecer o punto de vista do Concello sobre cales poden levarse a cabo: “hai cousas que se van fóra do que é posible para o Concello e estas reunións son para iso tamén, para coñecer as razóns de que finalmente algunhas ideas non vaian saír adiante ou de que haxa que agardar para velas executadas. A xente ten que ser consciente do que se pode e non se pode facer co orzamento do que dispoñemos”, explicou.

Varela, que estivo acompañado pola titular de Igualdade, Araceli Bellas, tamén defendeu a vixencia do Orzamento participativo lembrando algúns dos fitos alcanzados nos últimos anos gracias a achegas veciñais, como por exemplo a rúa construída entre o Centro de Saúde e o Pavillón Municipal, a ampliación do local social de Lamas, a rehabilitación do palco da música de Ferreira, a captación de auga no Camiño Arriba, a posta en marcha do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, o proxecto de converter a antiga escola de Igrexafeita nun centro sociocomunitario ou as sucesivas fases de consolidación e posta en valor do castelo de Naraío, financiadas principalmente con fondos estatais e da Deputación da Coruña.

Tralo balance do Orzamento participativo, os representantes municipais foron comentando o listado de propostas recibidas nas últimas semanas a través das distintas canles habilitadas polo Concello, que este ano decidiu non convocar xuntanzas parroquiais e soster todo o proceso nas peticións rexistradas pola sede electrónica, nun formulario dispoñible na web e mediante a súa entrega en papel nas oficinas municipais.

Das 25 ideas recibidas, o Concello ve en principio como viables -para 2023 ou máis adiante, e sempre previa valoración técnica- a construción dunha pista de pádel na área deportiva dos Currás, o estudo da remodelación dunha parte do pavillón para dotalo de aseos adaptados -incluso con cambiadores- e dun ambigú preto das bancadas, a reparación de varios camiños solicitada pola asociación veciñal de Lamas (que nuns casos se fará dentro do plan de rebacheos que se acometerá en breve e noutros requirirán proxectos específicos) ou a reconstrución da ponte do Pozo de Lamas, en Igrexafeita, para a que xa hai un proxecto deseñado e previsión de facer o investimento.

Desde Igrexafeita tamén se propuxo algún tipo de colaboración para reparar a envolvente do local social -propiedade da AVV Adiante- e mesmo a merca dun inmoble situado preto da igrexa parroquial, coa finalidade de dedicalo, trala súa rehabilitación, a vivendas sociais ou a espazo para a veciñanza. Esta suxestión sería unha das que en principio quedarían desbotadas polos custes que implicaría, igual que idea achegada desde San Sadurniño para construír unha piscina climatizada con xestión compartida entre varios concellos.

Seguindo coa relación de investimentos solicitados pola veciñanza, desde San Sadurniño tamén se achegou a petición de proseguir co paseo fluvial até, polo menos, a EDAR de Cornide e a de instalar iluminación alimentada con enerxía solar en todo o seu trazado. Sobre o primeiro, o concelleiro de Participación indicou que a idea municipal non é só chegar ata a depuradora, senón coordinar co Concello de Narón o enlace do paseo fluvial coa área recreativa de Pedroso, de modo que, na práctica, crearíase unha senda verde que conectaría San Sadurniño con Xubia. En canto á iluminación do paseo, Varela avanzou que esa actuación é unha das incluídas no programa DUS-5000 financiado con fondos Next Generation ao que San Sadurniño solicitou acollerse recentemente.

Outras peticións menores das que se falou no encontro do venres á tarde foron a de implantar o sistema Bica e Arrinca nas inmediacións do CPI, a instalación dunha canasta de baloncesto no local social de Lamas, o cambio dun colector do lixo en Naraío ou a construción dunha pequena rede de saneamento no lugar de Riboira. Para levar a cabo este último investimento, o Concello xa contactou coa Xunta de Galicia de cara a recabar a súa colaboración e, de feito, foi unha das cuestións que se comentaron coa conselleira de Infraestruturas na visita que fixo a San Sadurniño para inaugurar as obras de mellora da AC-862.

Antes de rematar a asemblea, tanto Manolo Varela como Secundino García -quen se incorporou a ela despois de atender un compromiso do proxecto de Xeoparque- comprometéronse a informar proximamente a través da web municipal de cales serán as propostas que se executarán en 2023 e cales quedarán en carteira (a denominada “bolsa de ideas”) para o futuro.