Monday 23 de December de 2024

Inés Rey presenta o libro “Liceo: 50 años, 50 miradas”, que recolle a historia do laureado club a través dos seus protagonistas


María Varela e Rubén Darío Rodríguez reconstrúen o primeiro medio século do club deportivo a través de diferentes perspectivas persoais

Inés Rey: “Un libro moi especial para todos os que vivimos como o Liceo foi medrando, sumando cada vez máis coruñeses e coruñesas a esa marea verde que tanto nos identifica”

A alcaldesa, Inés Rey, interviu esta tarde na presentación do libro “Liceo: 50 años, 50 miradas” escrito polos xornalistas María Varela e Rubén Darío Rodríguez sobre a historia do club deportivo coruñés. “Este é un libro moi especial para todos os que vivimos en primeira persoa como o Liceo foi medrando e converténdose no club que é hoxe, sumando cada vez máis coruñeses e coruñesas a esa marea verde que tanto nos identifica” explicou Inés Rey.

“Liceo: 50 años, 50 miradas” recolle testemuños de medio cento de persoas sobre os primeiros 50 anos do equipo de hóckey sobre patíns, a través das entrevistas realizadas polos autores entre as que se atopan históricos coma Antonio Pintor e Javier Chaver, xunto con David Torres ou María Sanjurjo. “Fixemos unha viaxe apaixoante pola historia do Liceo e das vivencias e lembranzas dos seus protagonistas. Os autores, mais aló dos títulos e éxitos, quixemos profundizar nas claves do carácter e do espírito do liceo, o que lle fixo superar moitas adversidades e sair reforzado, e como ese ADN gañador se foi transmitindo de xeración en xeración” explicou María Varela, coautora do libro. As entrevistas están agrupadas en catro bloques que coinciden cos tempos dun partido de hóckey: quencemento, partido, prórroga e terceiro tempo. Cincuenta entrevistas para cincuenta anos de historia sobre o pasado, o presente e o futuro do Club.

Juan Copa, adestrador do Hóckey Club Liceo, tamén acompañou os autores do libro a quen lle agradeceu compendiar todas estes testemuños sobre o club. A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que por segundo ano consecutivo celebraron a vitoria do club na liga cunha recepción oficial e un encontro no Palacio dos Deportes de Riazor. “Tamén este ano demos a benvida ao verán prendendo esa gran falla de San Xoán, unha imaxe que gardarei para o recordo e que nunca esquecerei, como tampouco todos os partidos vividos desde a bancada coa miña familia apoiando o Liceo. Un club que representa a toda a cidade e que nos fai mellores en cada partido, con independencia do resultado” sinalou. Rematou agradecendo o traballo aos autores, María Varela e Rubén Darío Rodríguez, por “compendiar a historia do Liceo a través das miradas das persoas, porque ese é o verdadeiro espírito do Club e da cidade” concluíu.