Desde do día 22 deste mes de novembro encóntrase publicada na Plataforma de contratación co Sector público toda a documentación relativa á licitación do servizo de mantemento eléctrico do Concello de Moeche. As empresas do sector teñen ata o próximo 15 de decembro para presentar as súas propostas técnicas sobre un prezo máximo de 26.528,55 euros anuais (IVE incluído), de cara a resultaren adxudicatarias dun contrato que terá unha duración inicial de dous anos prorrogables por outros dous máis. Entre as actuacións previstas estarían o mantemento integral da rede de iluminación pública e todas as intervencións necesarias para solventar posibles avarías nas instalacións de titulariedade municipal. Os pregos de carácter técnico -dos que sae o cálculo do importe máximo do contrato- foron elaborados pola FAEPAC, o organismo dependente da Deputación da Coruña que asesora ao Concello en materia de aforro enerxético.
Nos pregos aparecen desagregadas previsións necesarias para atender as características do contrato, estimando os custos de man de obra segundo o convenio do sector, os dos materiais de reposición -lámpadas, cableados, etc.-, a amortización de ferramentas e equipamentos auxiliares -entre eles un vehículo con cesta- e mesmo os desprazamentos que deberán facerse e a duración aproximada de cada intervención.
Segundo o estudo previo que sustenta os aspectos técnicos reflectidos nos pregos -baseados á súa vez no inventario de todas as instalacións municipais-, calcúlase que por cada ano de contrato pode ser necesario levar a cabo arredor de 219 traballos. A cifra sae do histórico de reparacións efectuadas nos últimos anos.
En canto á vixencia, a adxudicataria deberá prestar os seus servizos durante dous anos ampliables por outros dous máis, de modo que o importe máximo da licitación se situaría en 87.697,68 euros máis o IVE correspondente polo total dos catro anos.
Se ben toda rebaixa dese prezo que fagan as licitadoras “é moi importante e vai terse en conta con ata 55 puntos na valoración das ofertas”, explica Beatriz Bascoy, o obxectivo municipal tamén é que o servizo se preste “coa inmediatez que precisa o Concello e que agarda a veciñanza” e, por esta razón, a redución nos prazos de resposta ante incidencias valorarase con ata 10 puntos. Outros aspectos que incidirán na puntuación final son a memoria técnica presentada -ata 25 puntos-, o apoio en eventos culturais ou festivos -5 puntos- e que a empresa posúa certificacións de xestión responsable, tanto social como ambiental.
Toda a documentación referida ao proceso de licitación está publicada desde o luns 22 de novembro na Plataforma de contratación co Sector público. O prazo para rexistrar as ofertas a través da mesma plataforma finaliza ás 23:59h do próximo 15 de decembro.