O alcalde de Fene, Juventino Trigo, xunto coa responsable de Servizos, Sandra Permuy, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, reuníronse recentemente con representantes da Sociedade Agarimo de Sillobre para dárlles conta dos distintos proxectos xa desenvolvidos ou que están en marcha nestes momentos na parroquia. Segundo informou o Goberno local, ao longo deste ano contabilizaranse 432.000 euros en investimentos destinados á mellora de infraestruturas, servizos básicos e espazos públicos. O encontro tamén serviu para intercambiar impresións sobre a situación actual do municipio e para tomar nota de distintas necesidades expresadas polo colectivo veciñal co obxectivo de incorporalas aos próximos plans de obras.
A maior parte das actuacións que están xa rematadas ou en fase de execución céntranse tanto no acondicionamento rede viaria como na ampliación das redes públicas de abastecemento de auga e de saneamento.
Tal e como resumiron os representantes municipais, como obras proxectadas nesta anualidade cóntanse as de aglomerado do eixo Marraxón, Ameneiro e A Curveira, acollido ao Plan de camiños da AGADER -algo máis de 54.500 euros-; a reparación e reposición de servizos no Camiño de Ortel -63.162 euros-; o proxecto para o saneamento da subida á Lagarteira, Orra e Rañoa -148.969,15 euros de investimento-; e o abastecemento nos núcleos da Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira, adxudicado en 118.490€.
No apartado de mellora de espazos públicos, o Concello de Fene tamén destinou cerca de 29.000 euros á renovación do parque do Souto e outros 18.000 á adquisición dunha parcela situada na parte dianteira do cemiterio parroquial, co obxectivo de convertela nun aparcadoiro que lle dea servizo tanto ao camposanto como ao centro sociocultural da entidade. Neste sentido, os representantes municipais avanzaron que xa está encargada a correspondente memoria valorada dunha obra “coa que se lle dará resposta a unha demanda histórica da parroquia”, comentou Juventino Trigo.
O rexedor destacou “o compromiso municipal co rural de Fene” de cara a “levar servizos en igualdade de condicións que nas zonas urbanas máis poboadas”. Pola súa banda, o responsable de Urbanismo, Manuel Polo, incidiu no “carácter estruturador, tamén en termos urbanísticos” que teñen para o territorio as ampliacións de servizos básicos e as novas infraestruturas.
O investimento total en Sillobre ao longo deste 2022 alcanzará, polo tanto, os 432.000 euros. Porén, na xuntanza mantida coa Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva Agarimo tamén se instou aos seus responsables para que fagan propostas de novas actuacións que consideren necesarias “como complemento das que poidamos deseñar desde o Concello”, co obxectivo de que poidan ser incorporadas, no caso de ser asumibles, nos próximos orzamentos municipais e nos plans de financiamento que convoquen outras Administracións.