Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Lousame pídelle ao Goberno que manteña o delito de sedición, non suba as peaxes e siga bonificando o emprego de persoas con discapacidade


Lousame continúa baixando o Período Medio de Pago: 11,6 días, fronte aos 36,1 cos que comezou o ano 2022

As catro mocións presentadas polo Grupo de Goberno protagonizaron a sesión plenaria ordinaria de Lousame, que tivo lugar na noite de onte e no que se aprobaron por unanimidade as actas das sesións anteriores e as bonificacións do 95% do IBI para aquelas dependencias nas que se realizan actividades agrogandeiras do sector primario, un total de oito no municipio.

Así mesmo, a alcaldesa Teresa Villaverde deu conta de que o período medio de pago do terceiro trimestre de 2022 foi de 11,6 días, a cifra máis baixa dos últimos dous anos e que confirma a tendencia á baixa iniciada despois de que o cuarto trimestre de 2021 e o primeiro de 2022 sobrepasaran os límites aconsellados pola normativa, con 32,73 e 36,1 días, respectivamente.

Violencia de Xénero

Acto seguido, aprobouse unha moción conxunta dos tres grupos municipais con motivo do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, que foi lida pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, quen comprometeu que “o Concello de Lousame fará un estudo xurídico sobre as ordenanzas municipais en vigor para confirmar que estas están elaboradas dende unha perspectiva de xénero”. Así mesmo, puxo en valor o funcionamento da Mesa Local contra a Violencia de Xénero e instou á Xunta de Galicia a seguir colaborando cos concellos galegos na formación e sensibilización, así como no apoio técnico en materia de violencia de xénero. “Educación, educación, educación”, como resumiu Teresa Villaverde.

Dende o BNG achegaron á moción a petición á Xunta de Galicia de instalación dun punto morado nas Festas de San Roquiño, mentres que desde o PSOE instaron á Xunta de Galicia a ter unha maior claridade nas mensaxes e campañas que se fagan en contra da violencia e na defensa da muller para que non sexan interpretables. Dúas peticións que foron asumidas polo Grupo Popular, de forma que a moción pasou a ser conxunta dos tres grupos municipais.

Conxelación peaxes

No resto das mocións, a curiosidade saltou no debate da petición ao Goberno Central da conxelación das peaxes da AP-9 e da AP-53. A proposta do Partido Popular foi respaldada tanto polos PSOE como polo BNG a cambio de incluír sendos puntos na moción. Así, voceiro do BNG, Anxo Moledo pediu que o Concello de Lousame instara á Xunta a pedir a transferencia da AP-9 a Galicia, tal e como se acordou no Parlamento galego. Pola súa banda, a voceira do PSOE, Beatríz González Bargo, pediu que na exposición de motivos se incluíra que houbo tres prórrogas a Audasa e que “foi un erro de Aznar”, algo que foi aceptado pola alcaldesa xa que “o paso non o podemos cambiar pero si podemos intentar que non se incrementen uns prezos que xa son demasiado caros”. Porén, no momento da votación non se produciu a unanimidade xa que o concelleiro socialista Julio Paradela, optou pola abstención, se ben non a xustificou.

Outra abstención sorprendente foi a do voceiro do BNG durante o debate da moción na que o Concello de Lousame instaba ao Goberno de España a restablecer o diálogo coas organizacións do terceiro sector e as comunidades autónoma, así como a fomentar o emprego de persoas con discapacidade. A voceira socialista explicou que o seu grupo apoiaría a moción xa que “o Ministerio de Traballo garantiu que sempre que houbera unha modificación na lei, se falaría coas asociacións”. A moción aprobouse cos votos a favor de PP e PSOE, e a abstención do BNG, quen non fixo intervención algunha nese debate.

Finalmente, o pleno aprobou, cos votos a favor do Grupo de Goberno e o voto en contra de PSOE e BNG, unha moción na que o Concello de Lousame lle pide ao Goberno Central que retire a iniciativa parlamentaria para eliminar o delito de sedición e o insta a respectar a Constitución. O tenente de alcaldesa, Ramón Martínez, asegurou que de saír adiante esa lei suporía un “perigoso precedente que socavaría os principios do Estado de Dereito” ao aprobarse “no marco da negociación da aprobación dos orzamentos do Estado”.

A voceira municipal socialista xustificou que non era unha concesión aos acusados en Cataluña por sedición xa que “eles pretendían a amnistía” e cualificou de “obsoleta” a figura da sedición pois “non existe no resto de países europeos. Pola súa banda, o voceiro do BNG asegurou que se trataba dunha moción “para desviar a atención” e lamentou que se presentara en Lousame “unha moción que nin nos vai nin nos vén”, algo ao que Teresa Villaverde lle respondeu que viña a colación porque “Lousame pertence ao Estado español”.