Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoia a sete establecementos turísticos de Ferrol, Narón, Ares e Pontedeume na obtención ou renovación da marca Q de Calidade Turística


— A delegada territorial, Martina Aneiros, deu conta da resolución da convocatoria cuxo importe conxunto na comarca ascende a preto de 5.000 euros

— Viajes Galitur, Gran Hotel de Ferrol, Finisterrae Ferrol e Viaxes Paco, de Ferrol; Viaxes Narón; Club Náutico Ría de Ares, e Cantina do Río Covés, en Pontedeume, son os beneficiarios

Un total de sete establecementos e servizos turísticos dos concellos de Ferrol, Narón, Ares e Pontedeume resultaron beneficiarios da liña de axudas de Turismo de Galicia para a certificación, seguimento ou renovación das correspondentes normas UNE co obxecto de obter ou manter a marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística de Española (ICTE).

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución destas achegas cuxo importe conxunto ascende a preto de 5.000 euros, con contías que oscilan entre os 435 e os 844 euros. Viajes Galitur, Gran Hotel de Ferrol, Finisterrae Ferrol e Viaxes Paco, de Ferrol; Viaxes Narón; Club Náutico Ría de Ares, e Cantina do Río Covés, en Pontedeume, son os beneficiarios.

A representante da Xunta puxo en valor o traballo levado a cabo nos últimos anos por mellorar a calidade turística nas infraestruturas e establecementos turísticos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e na conservación do patrimonio e do Camiño Inglés.
“Un itinerario que hoxe en día podemos dicir que abandeira a identidade turística desta cidade e da súa comarca, que gaña adeptos cada ano e peso entre as rutas xacobeas”, indicou.

Martina Aneiros destacou que a calidade “é un elemento transversal no modelo turístico galego no que a Xunta leva traballando desde hai anos, o que permitiu que Galicia estea nos primeiros postos da excelencia turística a nivel nacional”. A este respecto lembrou que a comunidade galega ocupa o segundo posto en número de Q de Calidade, só por detrás de Andalucía.

A Xunta de Galicia dotou a presente convocatoria dun orzamento de 170.000 euros tanto para a liña dirixida aos concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local, como para a destinada ás persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos, que deberán ter inscrita a actividade turística para a que se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.