Saturday 16 de November de 2024

A execución das obas de conservación da Ponte Ceilán, nos concellos de Noia e de Outes, farán necesario manter o corte dun carril entre o luns e o venres da vindeira semana


― Trátase de avanzar nos traballos iniciados esta mesma semana, coa cimentación da nova varanda que se instalará na ponte

― Procederase ao corte do carril sentido Outes-Noia, habilitando o paso alternativo da circulación en ambos os sentidos polo carril libre, con regulación semafórica

― Desde o 28 de novembro ao 1 de decembro o corte de tráfico será entre as 08:30 da mañá e as 20:00 da tarde; e o día 2 de decembro, entre as 08:30 e as 13:00 horas

― Esta actuación, cun investimento da Xunta de 500.000 €, comezou en setembro e reforzará a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda por unha nova

― A intervención tamén incluirá a optimización da eficiencia enerxética da ponte ao renovar a iluminación apostando pola tecnoloxía LED

A execución das obras de mantemento e conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550 ao paso polos concellos de Noia e de Outes, fará necesario menter o corte dun carril entre o luns e o venres desta vindeira semana.
Este luns, día 28 de novembro, a Xunta proseguirá cos traballos iniciados esta mesma semana na beirarrúa existente no sentido Outes-Noia, para a formación dunha gabia. A continuación procederase á cimentación da nova varanda que se ten previsto instalar na ponte.

Nesta caso, procederase ao corte do carril do sentido Outes-Noia, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 68+600 e 69+400. Para facilitar a mobilidade dos usuarios neste punto da estrada estará habilitado un carril de circulación, con regulación semafórica, polo que pasarán alternativamente os vehículos en ambos os sentidos.

En concreto, desde o día 28 de novembro ao día 1 de decembro, o corte do tráfico será entre as 08:30 da mañá e as 20:00 da tarde; e o día 2 de decembro, entre as 08:30 da mañá e as 13:00 do mediodía.
Os traballos, que continúan na propia beirarrúa da Ponte Ceilán, fan preciso ocupar o carril coa maquinaria da obra. Unha vez rematada a apertura da gabia, na vindeira semana comezarase a colocar a ferralla do armado da cimentación da nova varanda, os ancoraxes do taboleiro e a imposta, e comezarase tamén a formigonar.

A Xunta continúa avanzando nestas obras de mellora, iniciadas en setembro, ás que destina un investimento autonómico de máis de 500.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actúa nesta ponte, situada no punto quilométrico 69 da vía autonómica que une os municipios de Noia e de Outes, co fin de aumentar a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda por unha nova.

A varanda virá xa fabricada e pintada do taller en tramos de 6 metros co fin de proceder á súa instalación de xeito rápido.

Antes do desmonte da varanda actual, realizarase unha limpeza dos restos vexetais nos bordos exteriores das beirarrúas do taboleiro e na cara horizontal da imposta. Esta acción é necesaria para a correcta execución dos traballos posteriores.

Ademais, procederase á optimización da eficiencia enerxética da ponte mediante a substitución da iluminación existente por outra con tecnoloxía LED.

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns.