Friday 22 de November de 2024

O Concello creará máis de 100 prazas adaptadas nos xogos infantís da cidade


Levaranse a cabo melloras en cinco parques, introducindo novos xogos adaptados nos Rosales, Vioño, Novo Mesoiro, praza de Pontevedra e Elviña

O proxecto foi unha das propostas gañadoras nos Orzamentos Participativos de 2021 e conta cun orzamento de 235.453,17 €

O Concello da Coruña acometerá melloras en cinco parques infantís da cidade introducindo novos xogos adaptados. O proxecto foi unha das propostas gañadoras nos Orzamentos Participativos de 2021 e enmárcase no Plan integral de mellora dos parques infantís do Goberno de Inés Rey, con actuacións acometidas en máis de 20 parques dende a súa posta en marcha o pasado ano.

As actuacións levaranse a cabo nos parques dos Rosales, Vioño, Fragas do Eume en Novo Mesoiro, praza de Pontevedra e Casares Quiroga en Elviña. O obxectivo é ter espazos infantís accesibles para todos os nenos e nenas, creando máis de 100 novas prazas adaptadas. O proxecto conta cun orzamento de 235.453,17 € e seis meses de prazo de execución.

No parque dos Rosales pasarase de 24 a 34 prazas adaptadas, en Vioño de 1 a 32 e na praza de Pontevedra de 5 a 42. Nos barrios de Novo Mesoiro e Elviña disporanse de 13 e 12 prazas adaptadas respectivamente, todas elas de nova creación polo que se dotan os parques de Fragas do Eume e Casares Quiroga de xogos infantís inclusivos non existentes ata a data. Neste último acometerase tamén unha mellora do pavimento cambiando o piso de area por caucho, co que se mellorará a seguridade e comodidade dos nenos e nenas.

Con este proxecto, o Concello da Coruña creará 103 novas prazas adaptadas nos parques da cidade. Na actualidade, os citados parques suman un total de 30 prazas, polo que pasarán a ser 133 co novo proxecto, triplicando as xa existentes. O Goberno de Inés Rey continúa cumprindo o seu obxectivo de mellorar as condicións de accesibilidade dos espazos infantís, facendo unha cidade máis inclusiva para todos e todas.