Friday 22 de November de 2024

A Banda Municipal ofrecerá este domingo o primeiro concerto co seu novo director, Romero Llopis


A formación musical coruñesa homenaxeará á Coral Polifónica El Eco

O concerto será á 12.30 horas no teatro Colón, con entrada de balde ata completar capacidade

A Banda Municipal de Música ofrecerá este domingo o primeiro concerto co seu novo director, Juan Miguel Romero Llopis, que tomou posesión do cargo esta mesma semana. Será ás 12.30 horas, no teatro Colón, coa entrada de balde ata completar capacidade.

O concerto, “Grandes coros de ópera e zarzuela” servirá ademais para homenaxear á Coral Polifónica El Eco, que este ano celebra o 140 aniversario da súa fundación. O coro coruñés actuará conxuntamente coa formación musical dependente do Concello. Na primeira parte do concerto interpretarán pezas de Verdi, mentres que na segunda serán obras de zarzuela de diferentes autores.

Juan Miguel Romero Llopis está titulado en Clarinete e Dirección de Orquestra e é diplomado en Educación Musical pola Universidade de Alicante. Actualmente é funcionario de carreira do corpo de Mestres de Música, en situación de excedencia. No ámbito profesional, foi director asistente da Joven Orquesta de la Región de Murcia, director titular de la Orquesta Sinfónica Académica de Sant Vicent del Raspeig, subdirector da Banda Municipal de Barcelona (2009-2013) cunha actividade de máis de 40 concertos ao ano, sendo o responsable da preparación técnica da programación e a dirección dos concertos didácticos.

De 2013 a 2016 foi director titular e xefe de servizo da Banda Municipal de Santiago de Compostela e de 2016 a 2108 da Banda Municipal de Palma de Mallorca. Acompañou a solistas internacionais como Ara Malikian, Ionut Podgoreanu, Ximo Vicedo, Abe Rábade, Jacques Mauger, Lluis González, Lluis Sintes, Juan Manuel Gómez, Laura Alonso ou Marta Matheu, entre outros, e participou en espectáculos con artistas como o coreógrafo catalán Cesc Gelabert, a bailaora flamenca Eva la “Yerbabuena”, a actriz Paula Carballeira e o cantante Serafín Zubiri.

Gañou o Premio Acordes a nivel nacional ao fronte da Orquesta del Conservatorio Superior.
Na actualidade compaxinaba a súa actividade como director invitado coa titularidade da dirección artística da Banda Sinfónica de la Sociedad Unión Musical de Almoradí.