Friday 22 de November de 2024

O Concello premia a 42 pequenas e pequenos polos seus traballos a prol do uso do galego tras a primeira edición do certame ‘Cartas de verán’


A alcaldesa, Inés Rey, felicitou á rapazada que tomou parte no concurso, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística para fomentar a escrita en lingua galega entre nenas e nenos de ata 12 anos

“Desde as Administracións públicas debemos traballar para impulsar o uso e prestixio do noso idioma”, subliñou a rexedora

A alcaldesa, Inés Rey, entregoulles hoxe os agasallos ás 42 nenas e nenos que tomaron parte na primeira edición do certame ‘Cartas de verán’, unha iniciativa posta en marcha polo Concello a través do Servizo de Normalización Lingüística e que, durante a tempada estival, promoveu a escrita en lingua galega entre a cativada de ata 12 anos.

O concurso, aberto por primeira vez durante o pasado mes de agosto, recupera o antigo costume de escribir e recibir cartas ou tarxetas postais, un formato orientado a que a rapazada amose o seu talento e creatividade en galego, incidindo nas súas vivencias durante as vacacións de verán.

No acto de entrega dos agasallos, realizado no Centro Sociocultural Ágora, Inés Rey resaltou o compromiso do Goberno municipal coa promoción e o uso da lingua galega, e recordou que neste mandato, e por primeira vez na historia do Concello, “se aprobou unha ordenanza municipal reguladora da lingua galega, que promove o seu uso nas actuacións administrativas, de documentación, comunicación social e nas relacións coa cidadanía, porque desde as administracións públicas debemos traballar para impulsar o uso e prestixio do noso idioma”, subliñou a rexedora.

Neste sentido, a rexedora, acompañada polo persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística, puxo en valor “a importancia que teñen certames como ‘Cartas de verán’ pola súa capacidade para lles chegar ás familias e aos fogares”, e felicitou as pequenas e pequenos participantes “pola súa imaxinación e capacidade de observación, moi necesarias na sociedade na que vivimos”.

A alcaldesa recordou, ademais, que grazas á adhesión do Concello ao programa Apego,que integra arredor de trinta concellos de toda Galicia, lévanse a cabo durante todo o ano, maioritariamente no Centro Sociocultural Ágora, múltiples espectáculos e contacontos para lles achegar a lingua galega a nenas e nenos en idades temperás.