Saturday 16 de November de 2024

Ánxel Carramal e Ciro Fernández, gañadores de Banda Deseñada e Poesía do Programa Xuventude Crea


— O segundo en banda deseñada foi para Brais Fierro, con ‘A Ponte’; e o terceiro para Daniel Souto, coa obra ‘Rapid Eye Movements’

— Na categoría de poesía quedou segundo Daniel Durán coa obra ‘Biscoito de laranxa’; e o terceiro galardón recalou en Adrián Agustín Vázquez con ‘Itinerario da cegueira’

Ánxel Carramal (Pontevedra), con Carné de conducir e Ciro Fernández (Pobra do Caramiñal), con A anguria do hermetismo, foron os gañadores das categorías de banda deseñada e poesía, respectivamente, do Xuventude Crea. A Xunta celebrou hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra un coloquio con todos os gañadores destas modalidades.

Deste xeito, tamén acudiu á cita o segundo clasificado de banda deseñada, Brais Fierro (A Coruña), con A Ponte; e o terceiro clasificado Daniel Souto (Brión), con Rapid Eye Movements. Pola súa parte, na modalidade de poesía, Daniel Durán (Bueu), con Biscoito de laranxa; e Adrián Agustín Vázquez (Vilarmaior) con Itinerario de cegueira, quedaron en segunda e terceira posición, respectivamente.

Os gañadores recibirán unha gratificación de 3000 euros, 1500 os segundos clasificados e 1000 os terceiros. O coloquio celebrado na cidade do Lérez contou coa participación de Alba Guzmán, gañadora da categoría de novela curta de 2021, xa que esta edición quedou deserto o galardón.

Máis de 4000 participantes
Desde que hai trece anos tivo lugar a primeira convocatoria do Xuventude Crea, xa son máis de 4000 os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos participantes e preto de 3000 os proxectos creativos e obras presentadas a este certame. Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Compre destacar, ademais, que todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal

As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.