Saturday 16 de November de 2024

Feijóo felicita a Pedro Passos Coelho pola súa vitoria electoral e espera seguir afondando nas relacións Galicia-Portugal


Recorda que as políticas responsables que leva pondo en práctica o primeiro ministro desde 2011 contribúen a que o país veciño saia da recesión

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, felicitou hoxe ao primeiro ministro en funcións de Portugal, Pedro Passos Coelho, pola vitoria electoral da coalición Portugal à Frente, e amosou a súa alegría por que o pobo portugués decidise afondar no camiño da estabilidade, das reformas e do progreso económico.

Feijóo recordou que, ao igual que ocorre en Galicia, Portugal está saíndo xa da recesión, algo ao que contribúen as políticas responsables que leva pondo en práctica Passos Coelho desde a súa chegada ao cargo en xuño de 2011. A pesar de que chegou ao goberno nun momento moi complicado para xestionar, conseguiu poñer ao noso país veciño na senda da recuperación. Este labor élle recoñecido agora cunha clara vitoria nas urnas.

É ben coñecida por todos a estreita relación que une Galicia e Portugal, desde o punto de vista económico, político, cultural, histórico e lingüístico. Nos últimos anos, tanto desde a Xunta como desde o Goberno luso estamos a pular por afondar nestes vínculos. Así, reforzamos a cooperación transfronteiriza no contexto da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, un compromiso que se materializa nas accións conxuntas dentro da Comunidade de Traballo e de programas como o Iacobus, que fomenta o intercambio universitario entre ámbalas dúas comunidades.

O traballo realizado desde ambas Administracións, a portuguesa e a galega, plasmouse na Gran Cruz da Orde do Infante Don Henrique que presidente da República Portuguesa, Aníbal Cavaco Silva, lle outorgou a Alberto Núñez Feijóo con motivo do Día de Portugal.