Saturday 16 de November de 2024

O pleno mostrou o rexeitamento á Violencia de Xénero en conmemoración do 25 de novembro


Na sesión foron aprobadas dúas mocións en contra da suba das peaxes nas autoestradas nacionais e en apoio aos incentivos para a contratación de persoas con discapacidade.

A sesión ordinaria do Pleno celebrada hoxe coincidiu coa data de celebración do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. Na súa conmemoración, o alcalde leu unha declaración institucional rubricada polos tres grupos municipais na que se condena todo tipo de violencia, mostra o apoio ás vítimas e compromete ao Concello a reforzar, impulsar e divulgar iniciativas dirixidas a favorecer tanto a atención das agredidas como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Ademais, gardouse un minuto de silencio polas mulleres vítimas desta problemática social que no que vai de ano deixou en España 38 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas.
Xa inmersos nos puntos da orde do día da sesión, foron aprobadas dúas mocións por iniciativa do grupo de goberno (Partido Popular), ambas por unanimidade.

Nunha delas acordouse instar ao Goberno de España a que adopte as medidas encamiñadas á conxelación das peaxes nas autoestradas estatais AP-9 e AP-53 similares ás adoptadas polo Goberno galego nas autoestradas autonómicas. O Concello oponse, así, ao incremento previsto a partir do 1 de xaneiro que roldará o nove por cento de acordo á suba do IPC.

Na outra moción ínstase ao Ministerio de Trabajo y Economía Social a manter os incentivos para a contratación laboral das persoas con discapacidade, considerando este aspecto fundamental tanto para os centros especiais de emprego como para o futuro laboral das persoas con discapacidade.