A praza da Gándara acolleu esta mañá, ás 11.30 horas, o acto institucional organizado polo Concello con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, á que asistiron outros edís da corporación local, entre eles a concelleira de Igualdade, Mar Gómez. Acudiron tamén representantes do movemento asociativo e entidades da cidade e docentes e alumnado de centros de ensino que participaron na marcha ciclista escolar “Pola igualdade e contra a violencia” do CEIP Ponte de Xuvia, CPR Jorge Juan, CPI Feal, e CEIP Piñeiros. Tamén participaron nesta convocatoria alumnas e alumnos que se achegaron a pé desde os centros escolares de CEIP A Solaina, CPR Ayala, CEIP Virxe do Mar, CEIP A Gándara, e CPR Santiago Apóstol que portaban as súas pancartas do 25 N.
A alcaldesa deu lectura á Declaración Institucional con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia machista, aprobada por unanimidade pola corporación local no Pleno celebrado no día de onte na Casa Consistorial.
Na Praza da Gándara as persoas asistentes a estos actos tamén puideron contemplar o tótem expositivo itinerante das vítimas da violencia machista no ano 2022. Na mesma ubicación ás 19.30 horas terá lugar un acto comarcal reivindicativo da Marcha Mundial das Mulleres.
A Biblioteca pública municipal acolle ata o día 30 de novembro unha mostra bibliográfica baixo o lema “Obxectivo igualdade, un espazo libre de violencia machista”, na Axencia de Lectura da Gándara desenvolverase esta tarde una actividade de xogos de mesa de temática feminista e na Ludoteca municipal da Solaina un obradoiro baixo o título de “Plántalle cara á violencia”, obradoiro Origami, flor violeta e obradoiro Mensaxe en globo. Tamén serán iluminados de cor violeta determinados espazos municipais.
Marián Ferreiro agradeceu a implicación e participación nestes actos á veciñanza que se achegou á convocatoria, ás entidades sociais e ós centros de ensino da localidade destacando a importancia do seu labor constante e o seu compromiso para acadar o obxectivo común que é a erradicación desta lacra social.