Friday 22 de November de 2024

O Concello de Touro manifesta no 25N o seu “rexeitamento máis profundo” contra a violencia de xénero


O Concello de Touro conmemorou esta mañá o 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Baixo o lema No camiño da igualdade, móllate contra a violencia de xénero, o Departamento de Servizos Sociais do Concello de Touro impulsou a Campaña de Sensibilización sobre o 25N. Maiores de Touro repartiron xabóns durante a mañá nas rúas de Fonte Díaz e nos diferentes negocios. O xabóns foron elaborados por eles mesmos nun obradoiro nas últimas semanas. Con esta acción quixeron mostrar a súa loita contra todo tipo de violencia exercida contra as mulleres.

Ás 12.00 horas a concelleira de Educación, Cultura e Deportes, Adela Iglesias Tojo, deu lectura na Casa da Cultura de Touro, en presenza de representantes políticos que integran a Corporación Municipal, do manifesto do 25N, no que o Concello de Touro “manifestou o seus máis profundo rexeitamento a calquera forma de violencia exercida contra as mulleres”. A concelleira destacou que “os concellos, as entidades de goberno máis próximas á poboación, representan os niveis de intervención máis adecuados para combater a persistencia e a reproducción das desigualdades”. Adela Iglesias indicou que os concellos “deben promover unha sociedades verdadeiramente igualitaria”. “Desde aquí seguiremos traballando día a día para iso”,rematou.