Friday 22 de November de 2024

O Concello conmemora o 25N con actividades, unha camiñata solidaria e a instalación dunha escultura de Miguel Couto en homenaxe ás mulleres


A alcaldesa presidiu os actos organizados con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres que comezaron coa camiñata e lectura do manifesto en Riazor

A escultura “En feminino”, Praza de Tabacos, realizada polo artista Miguel Couto, representa a importancia do apoio ás mulleres na loita contra a violencia de xénero

Inés Rey: “As institucións debemos ser parte da solución, non do problema e concienciar á xente moza de que ignorar a violencia non é o mesmo que eliminala”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá os actos con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, organizados polo Concello da Coruña. Baixo o lema ‘Alto e claro’, o Concello puxo en marcha unha campaña de concienciación da poboación sobre as diferentes formas de violencia, con actividades didácticas e culturais realizadas nestas semanas.

O acto central deste 25N foi a presentación da escultura “En feminino”, obra do artista Miguel Couto en homenaxe ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A obra está localizada na Praza de Tabacos, “quilómetro cero da Coruña das mulleres, grazas ás cigarreiras da Fábrica de Tabacos que hoxe reivindicamos unha vez máis mediante o mellor soporte posible, o da arte” explicou Inés Rey. Trátase dunha escultura fundida en bronce de 120 cm de alto que representa a un grupo de catro mulleres. Ten unha lectura de esquerda a dereita na que as tres primeiras figuras fan alusión ao conxunto da poboación en situación de apoio á cuarta figura, unha muller que se representa erguida como símbolo de
empoderamento. “Desde hoxe queda fixada a través de esta escultura a importancia do apoio social parasuperar as feridas da violencia de xénero, facendo alusión a esa condición de sororidade tan importante para todas nós” concluíu.

Momentos antes da presentación da escultura, Inés Rey dou lectura ao manifesto do 25N acompañada de asociacións e entidades da cidade así coma doutros membros da corporación municipal. “A violencia contra as mulleres continúa sendo a máxima expresión da desigualdade no mundo. Atenta contra os dereitos fundamentais á vida, a liberdade, a educación en igualdade, o traballo, a protección aos menores e outros aspectos que impiden á metade da poboación ter vidas dignas e seguras” explicou Inés Rey. O acto de lectura do manifesto rematou coa tradicional agrupación de mulleres en forma de lazo como homenaxe ás vítimas de violencia de xénero.

As actividades enmárcanse na programación da campaña ‘Alto e claro’ posta en marcha polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre todas as formas de violencia. “Cada vez son máis os mozos e mozas que negan a existencia da violencia contra as mulleres e que ven como algo normal actitudes machistas. As institucións debemos ser parte da solución, non do problema, e concienciar á xente moza de que ignorar a violencia non é o mesmo que eliminala” concluíu Inés Rey.

Aos actos de esta mañá súmanse o resto de actividades da programación, que se estenderá ata o vindeiro mes de decembro con diferentes charlas e encontros arredor da violencia de xénero.

Continúan as actividades polo 25N

CICLO DE CONVERSAS: “COMPROMETIDAS COA IGUALDADE”.

Conversas nas que persoas especialistas en violencia de xénero e no traballo coa poboación adolescente, abordarán diferentes aspectos de interese relacionados coa detección, prevención e a intervención nesta materia.

Conversa con Carmen Ruíz Repullo
Socióloga especializada en violencia de xénero en adolescentes e mocidade. Autora da “Historia de Pepe e Pepa” que serviu a moitas adolescentes para detectar que estaban sufrindo violencia de xénero e da “Escaleira cíclica da violencia de xénero en adolescentes”.

Título: Coeducación e construción de relacións igualitarias
Data: 28 de novembro
(1ª sesión)
Horario: 10.00 a 11.30 h.
Lugar: salón de actos do Centro Cívico dos Mallos
Público destinatario: centros educativos da contorna coruñesa
(2ª sesión)
Horario: 17.30 a 19.00 h.
Lugar: auditorio do Fórum Metropolitano
Aberta a toda a poboación ata completar capacidade

Conversa con Lluís Ballester Brage
Sociólogo e traballador social experto na abordaxe de redes, pornografía e prostitución na mocidade e especialista en prevención familiar e intervención socioeducativa.
Título: As características, o consumo e as consecuencias da nova pornografía online entre adolescentes e mocidade
Data: 2 de decembro
(1ª sesión)
Horario: 10.00 a 11.30 h.
Lugar: Paraninfo do Reitorado. Rúa Maestranza, 9, 15001 A Coruña
Público destinatario: centros educativos da contorna coruñesa
(2º sesión)
Horario: 18.30 a 20.00 h.
Lugar: salón de actos do Centro Cívico dos Mallos
Aberta a toda a poboación ata completar capacidade

AUTOBÚS ITINERANTE “Destino: parada violeta. Ruta ao bo trato”

Realización de paradas violetas en diferentes localizacións da cidade nas que o autobús será o contedor de actividades e dinámicas participativas que xirarán arredor da igualdade e a prevención da violencia de xénero.
Datas: do 21 ao 25 de novembro
Paradas en horario de mañá (09.00 a 14.00 h.)
● Centros educativos de educación infantil e primaria da contorna coruñesa
Paradas en horario de tarde (17.00 a 19.30 h.)
● 21 de novembro: rúa Torre (diante da biblioteca AAVV)
● 22 de novembro: rúa Fonseca (praza de Lugo)
● 23 de novembro: praza do Centro Comercial Marineda City
● 24 de novembro: Obelisco
● 25 de novembro: praza do Centro Comercial Marineda City
Público destinatario: dirixida a públicos de todas as idades.

TEATRO “A nena que quería navegar”. Compañía Redrum Teatro

Representación teatral que trata de visibilizar e abordar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima.
Espectáculo optimista, colorista, emocionante e reflexivo no que se mesturan distintas disciplinas como os monicreques, o teatro de obxectos, as vídeo-proxeccións e a música en directo.

Realizaranse varias representacións.
Data: 30 de novembro
Horarios: dúas representacións, a primeira de 10.00 a 10.50 h e a segunda de 11.45 a 12.35 h.
Lugar: Salón actos do centro cívico dos Mallos
Público destinatario: alumnado de 3º e 4º de primaria dos CEIPS da cidade.
Data: 17 de decembro
Horario: 18.30 a 19.10 h.

Lugar: salón actos do centro cívico dos Mallos
Aberta a toda a poboación ata completar capacidade (de interese para público familiar)

ACTIVIDADES EDUCATIVAS NOS CENTROS DO SERVIZO DE CANGURAXE MUNICIPAL

Realización dun “pasapalabra” feminista e carteis, debuxos, postais, colaxes, a partir dunha actividade de contacontos baseada nos seguintes relatos:
● “La cenicienta que no quería comer perdices” de Nunila López Salamero.
● “¿Es de chica o de chico?” de S. Bear Bergman.
● “Pepuka y el monstruo que se llevó su sonrisa” de estela Moreno Bermúdez.
Data: Do 21 ao 25 de novembro
Horario: de 15.00 /16.00 a 20.30 h segundo o horario de apertura de cada espazo.
Lugar: centros cívicos Castrillón, Labañou, Monte Alto, Novo Mesoiro, Os Mallos e Palavea.
Público destinatario: menores de idades comprendidas entre os 3.5 e 12 anos.

ACTIVIDADES EDUCATIVAS NA ESCOLA INTERCULTURAL DA UNIDADE DE ASESORAMENTO DE MIGRACIÓNS (UAMI)

Grupos de infantil
Obradoiro “Mellor entre todos e todas”.
Traballaranse os estereotipos e roles de xénero a través dun conto: “El libro de los cerdos”, de Anthony Browne.
Actividade: a través da lectura do conto reflexionarase sobre a experiencia que teñen as/os menores coas tarefas do fogar, axudando así a conciencialos/as da importancia da colaboración entre todos os integrantes da unidade familiar.

Grupos de primaria
Obradoiro “A flor do ben querer”
Traballaranse as condutas de bo trato nas relacións afectivas.
Actividade: realización dunha dinámica grupal construíndo unha flor onde cada pétalo reflexe unha desas conductas.

Grupos de ESO
Obradoiro “Desmontando realidades”
Traballarase a identificación de condutas machistas.
Actividade: analizaranse situacións cotiás vividas polo alumnado, propoñendo ferramentas e condutas que eviten a súa normalización.
Datas: 25 de novembro.
Horario: o habitual das clases.

CENTROS CÍVICOS MUNICIPAIS
Centro Cívico Castrillón

En colaboración con entidades da zona
Actividade: colocación dun lazo na escultura de Pablo Iglesias
Data: 25 de novembro
Horario: 18.00 h. (inicio da concentración)
Lugar: Praza Pablo Iglesias
Público destinatario: aberto a toda a poboación
Actividade: concurso de debuxo e fotografía
Exposición dos traballos realizados no centro cívico.

ACTIVIDADES DEPORTIVAS
Andaina

Dirixida ás persoas participantes nas Escolas Deportivas Municipais.
Data: 25 de novembro
Horario: 11.00 h.

Lugar: saída da explanada de Riazor e da Torre de Hércules á mesma hora. As persoas participantes xuntaranse na fonte dos Surfistas e regresarán á explanada de Riazor.
Formación dun lazo humano
Data: 25 de novembro
Horario: 12.00 h.
Lugar: Palacio dos Deportes